Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Case 600 mil euros investirá o Concello de Nigrán para rematar a urbanización da Rúa San Roque.

Case 600 mil euros investirá o Concello de Nigrán para rematar a urbanización da Rúa San Roque.

Correo-e Imprimir PDF

A Mesa de Contratación do día 14 de xaneiro ven de adxudicar de xeito definitivo as obras de urbanización da Rúa San Roque de Camos á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Hidromiño e Movexvial. A obra ten un orzamento de 587.907,41€, segundo o informe do Concello de Nigrán. O concelleiro de Urbanismo Juan González valorou que “é unha vía de comunicación fundamental para o crecemento ordenado do Concello de Nigrán e fundamental para as comunicacións de este Concello unha vez o Parque Terciario de Porto do Molle inicie a súa actividade.”

Segundo o informe da Mesa, a UTE Hidromiño/Movexvial ofertou unha cantidade 54.829,48€ en melloras e 62.348,34€ en imprevistos co que a urbanización da Rúa San Roque de Camos “será unha realidade despois de ter pasado moitos gobernos e moitas promesas por Nigrán”, afirmou o concelleiro González.

Nos próximos días iniciaranse unhas obras que rematarán no primeiro semestre de 2011, teñen un prazo máximo de execución de seis meses. O goberno de Nigrán informa que a parroquia de Camos completará polo tanto unhas importantes inversións durante este mandato que van dende obras de saneamento, asfaltados de viais, urbanización Rúa San Roque e reordenación e humanización da Praza de San Roque achegándose a unha cantidade de case 1.000.000€, "unha inversión nunca antes realizada nesta parroquia", afirman.