Martes, 28 Sep. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar O pleno de Gondomar anula por maioría o cobro da taxa do lixo de 2013 e 2014, pero o goberno anuncia que o vai cobrar.

O pleno de Gondomar anula por maioría o cobro da taxa do lixo de 2013 e 2014, pero o goberno anuncia que o vai cobrar.

Correo-e Imprimir PDF
Colectores en Gondomar

O cobro dos recibos  pola recollida do lixo correspondente aos anos 2013 e 2014 foi anulada por decisión do pasado pleno municipal do día xoves. Así o decidiron os 9 edís da oposición.

Na mesma sesión, grazas ao apoio do independente Manolo Gómez (IxG), o goberno bipartito PP-CDL sacaba adiante a cesión definitiva deste servizo de recollida de residuos á Deputación de Pontevedra.

O día venres, e tras anunciar aos medios que esta medida permitiría aforrar ás arcas de Gondomar 560.000 euros nos dous primeiros anos, a alcaldía anunciaba na mesma nota o cobro dos recibos correspondentes aos anos 2013 a 2015 incumprindo o acordo plenario.

Problema I: O censo que rexerá a taxa non é definitivo.

A maiores o censo que rexerá o cobro desta taxa está en período de estudo. Segundo o edil Paco Ferreira (PSOE), existen ducias de alegacións que aínda deberá contestar a administración local ante da posta ao cobro dos recibos. Nomeadamente, e entre outras irregularidades, moitos veciños non ten colectores a menos de 150 metros das súas casas, como esixe o regulamento para obrigarlles a pagar. Ademais, en opinión do voceiro socialista, a decisión do pleno de suspender os recibos de 2013 e 2014, obriga ao goberno municipal a rexerse por tal resolución. Cousa que en menos de 24 horas parece que non foi entendida así polas autoridades.

Problema II: A cesión do servizo será posta en man da fiscalía

Para dar máis incerteza ao futuro do servizo en Gondomar, os nacionalistas anunciaron tralo pleno que presentarán ante a fiscalía unha serie de irregularidades denunciadas en seis informes dos técnicos municipais, previos á sinatura do convenio. Durante todo o verán a agrupación estivo a denunciar que a Deputación cambiaba cláusulas do acordo asinado cos concellos á vez que antes da súa ratificación, facía o chamado a oferta pública para dar cobertura ao servizo.

Problema III: O goberno de Gondomar afirma que vai cobrar o que prohibiu o pleno.

“Grazas ao convenio o Concello aforrará, durante os dous primeiros anos, 560.000 euros, xa que a taxa de recolleita de lixo conxelarase e a Deputación pagará o 80% da diferenza entre a taxa que se cobra aos veciños (450.000 euros) e o custo real do servizo (800.000 euros) a través do concurso de licitación”. sinalaba á mañá seguinte do pleno a alcaldía nun comunicado aos medios.  Engadían que a partir do ano 2017 o Concello está obrigado a pagar o custo total “como o estivo facendo ata agora polo que este pago realizarase a través da taxa repercutida aos veciños, e, si a taxa non recadase o suficiente, as arcas municipais pagarían o resto”.

Mais o punto álxido da nota é cando afirma que o cobro da recolleita de lixo aos veciños “para os anos 2013, 2014 e 2015, foi aprobado por acordo plenario en 2012”. Afirmación que omite claramente a resolución tomada polo pleno a noite anterior. Matiza que este cobro “non cobre o custo total do servizo xa que a corporación municipal busca unha implantación gradual da taxa que non supoña un drástico desembolso inicial aos contribuíntes supoñendo a cantidade fixada a pagar un 75% menor que a establecida nos Concellos limítrofes”.

Problema IV: A veciñanza non entende nada

Ante interpretacións tan encontradas a dúbida está instalada na veciñanza: que anos finalmente se van cobrar;  cuanto e cando ? Pode o goberno desobedecer legalmente a  resolución plenaria que  anulou  o pago retroactivo dos recibos de 2013 e 2014?  O do principio, os veciños de Gondomar non a ten certa.

Ver VIDEO debate contrato do lixo no último pleno. Por GondomarTV