![A-MAR instalación de Lula Goce na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Aberto de luns a venres de 19 a 21 horas dende o 14 de febreiro ao 10 de marzo. A-MAR instalación de Lula Goce na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Aberto de luns a venres de 19 a 21 horas dende o 14 de febreiro ao 10 de marzo.](/images/stories/IEM/amar.jpg)
Sorprenderá a moitos a obra que a baionesa Lula Goce presentou o pasado venres 11 de febreiro na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Ata de agora non formaba parte da nómina de artistas vinculados ao Val Miñor, dos que, de lonxe ou de preto, sabemos, coñecemos, ou situamos. Tampouco é doado atopar o seu nome nas listas de artistas ou exposicións do país, esperamos que por pouco tempo. A razón deste descoñecemento é que Lula pasou case un terzo da súa vida fora da nosa terra, en Salamanca primeiro, e en Barcelona despois, onde trazou as coordenadas básicas da súa obra. Pero, e isto é o mais importante, sorprenderá pola amplitude e riqueza do seu traballo, de claras connotacións poéticas e conceptuais, pola liberdade e sutileza que mostra nos visibles cambios de rexistro e a desprexuizada disposición de todos os procedementos, recursos e linguaxes que necesita para falar do que quere dicir.