Este martes 4 de febreiro “Día mundial contra o cancro” está convocada unha concentración ás 11 horas diante do edificio do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) na rúa O Grove (Coia). O acto está convocado por Beatriz Figueroa, enferma de cancro, co xeito de denunciar “a situación de indefensión socioeconómica” dos pacientes que como ela, deben librar unha dura batalla contra a enfermidade con subsidios de 426 euros mensuais outorgados por este organismo.
Tres anos loitando contra o cancro cunha prestación de 426 euros .
A súa loita en solitario comezou o 21 de maio do 2013 cando iniciou unha folga de fame acompañada dunha pancarta na que denunciaba “O SERGAS cúrache o CANCRO, o INSS e INEM mátanche de FAME”. Sucede que a Beatriz lle foi diagnosticada a enfermidade en marzo do 2011, cando se atopaba en situación de desemprego contributivo (paro). En abril dese ano, e tras ter que recibir unha intervención urxente o INEM denegoulle unha suspensión de demanda de emprego. Esgotado o paro e en pleno post operatorio recibe unha “alta médica” no mes do outubro por parte do INSS e a partir desa data recibe por parte dese organismo 426 euros cos que debe enfrontar as necesidades básica. Por riba, tras o decreto do Ministerio de Sanidade de outubro de 2013, debe abonar o 40% dos medicamentos.
Un artigo da Constitución que ninguén quere aplicar.
Lonxe de resignarse, Beatriz Figueroa inicio xunto coa citada folga de fame, unha campaña de recolleita de firmas esixindo “prestacións sociais suficientes”. Malia que ao mes tivo que abandonar a folga de fame e durante meses abandonar a reivindicación por graves problemas de saúde, en novembro retomou unha campaña de recolleita de firmas para esixir a aplicación do art.41 da Constitución Española que garantiza prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade, especialmente en caso de desemprego.
“Neste momento a miña loita deu un gran paso e unha proposta lexislativa redactada por Jaime Cabeza, catedrático de Traballo e Seguridade Social da Universidade de Vigo, para modificar a Lei Xeral da Seguridade Social xa está en trámite no Congreso dos Deputados presentada pola deputada Olaia Fernández”, sinala Beatriz.
Tamén pódese apoiar desde as redes sociais.
Ademais de convocar á concentración deste martes, Beatriz Figueroa salienta a importancia de apoiar a súa iniciativa parlamentaria asinando o manifesto na plataforma dixital Change.org
. Unha acción que poden desenvolver os cidadáns acompañada do seu espallamento polas redes sociais.