A loita de Beatriz Figueroa non rematou. Nin contra o cancro nin contra o sistema da Seguridade Social que condena aos traballadores con esta doenza a enfrontala cun fixo mensual de 426 euros. Unha "tarifa plana" coa que ten que pagar o 40% dos medicamentos, e vivir, porque tamén ten dereito. O pasado 23 de abril a deputada Olaia Fernández poñía enriba da mesa da Comisión de Emprego e Seguridade Social unha proposición non de lei que redactara o tamén galego e catedrático da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza. Case 400 mil sinaturas de cidadáns acompañaron a Beatriz ese día a Madrid. Mais a comisión rexeitou a proposta. Agora Beatriz e milleiros de persoas que dende toda España fixeron súa a causa queren acadar as 500 mil sinaturas na plataforma Change.org, para cando nas próximas semanas esta iniciativa de protección socio-laboral aos afectados entre a debate no pleno do Congreso dos Deputados.
"Asina esta petición e difúndea pedindo que outras persoas fágano, para que ningún enfermo de cancro pase por este mesmo inferno". "Que os pacientes reserven as súas forzas para a loita contra a súa enfermidade, e non teñan que desgastar o físico para librar outra loita contra a Administración e os Poderes Públicos para recibir unha prestación suficiente e digna mentres supera este duro transo". "Di non á exclusión social ocasionada polo cancro". "O cancro non discrimina, hoxe somos nós os enfermos, mañá podes ser ti". Estas son algunhas das mensaxes que milleiros de seareiros da causa están espallando polas redes ca fin de motivar ao resto da poboación a sumarse coa súa sinatura ao reclamo de reformar a Lei Xeral da Seguridade Social.
Notas
-A nova campaña para acadar as 500 mil sinaturas está a 86 mil vontades de conseguilo ao momento da redactar esta nota.
-Máis de 200 mil novos doentes de cancro anuais se detectan en España segundo o informe publicado recentemente pola Sociedad Española de Oncología Médica. Se ben os adiantos en tratamentos e fármacos fan posible -para quen pode acceder a eles- mellorar as condicións de vida e en moitos casos atopar unha curación eficiente, o número de mortes aínda supera os 100 mil casos anuais en todo o Estado, segundo a mesma fonte.