Venres, 15 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Economía Alternativa Galega de Esquerda pregunta á Xunta sobre o estado dos permisos para a práctica de prospeccións mineiras na Serra da Groba.

Alternativa Galega de Esquerda pregunta á Xunta sobre o estado dos permisos para a práctica de prospeccións mineiras na Serra da Groba.

Correo-e Imprimir PDF
pinzas-sos-groba

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe á Xunta que de conta do tipo de solicitudes e dos titulares das mesmas relacionadas coa explotación mineira na zona da Serra da Groba entre o Val Miñor e o Baixo Miño. Nomeadamente, solicitan unha confirmación oficial das diversas informacións que dan conta da intención da empresa Medgold Resources Corp. de Vancouver ( Canadá), de explotar preto de 80 km2 na Serra da Groba con minas para extraer ouro a ceo aberto.

Os deputados de AGE, David Fernández Calviño e Consuelo Martínez García presentaron en comisión parlamentaria unha serie de preguntas relativas ao esclarecemento deste punto, e transmitiron a preocupación de diversos sectores destas bisbarras sobre o impacto ambiental e económico que o chamado proxecto "Pinzás deOro" de Medgold, tería sobre os recursos naturais da zona.
Segundo información manexada en tendas de AGE, o presidente da devandita empresa, Dan James, di que "a zona é altamente prospectiva e que esperan sacar varios millóns de onzas". Nese senso, os deputados que presentaron as enquisas salientan que a área solicitada por Medgold para facer as exploracións "supera en tres veces a extensión do concello de Baiona, ou case a totalidade do de Oia".
AGE advirte á Xunta do posible espolio da natureza así como das actividades rurais e industrias da zona.
"Como queira que a explotación mineira sería a ceo aberto e movería milleiros de toneladas de terra con explosivos e maquinaria pesada, e suporía a utilización de milleiros de metros cúbicos de auga para lavar o mineral ou, de minerais moi contaminantes en grandes cantidades como o mercurio, arsénico e cianuro; xunto coa falla de información oficial ao respecto, está a crear unha grande alarma social na poboación dos devanditos concellos", sinalan os deputados de AGE.
Entre os bens que quedarían afectados de aprobarse a actividade mineira, o grupo de esquerdas sinala o patrimonio arqueolóxico ( mámoas, minas de ouro romanas, petróglifos, foxos de lobo), os nacentes das fontes que fornecen de auga as varias parroquias de Tomiño, e regueiras que van aos ríos Cereixo, Tamuxe e Miño. Por outra banda, argumentan que o enclave é tamén unha grande extensión de superficie agraria, que convive con moitas industrias derivadas da mesma: viveiros, kiwis, viño, hortícola, etc.