Verdegaia xunto colectivos ecoloxistas e culturais do Val Miñor denuncian a afectación de lugares protexidos na Serra da Groba, por mor dun conxunto de obras contratadas pola Comunidade de Montes de Mougás. Nomeadamente a desfeita tería lugar na braña do Campo do Costado, no nacemento do río Mougás.
Segundo dan conta, as obras, contratadas pola Comunidade de Montes de Mougás e financiadas con Fondos Europeos Feader, consistiron "no peche perimetral, desbroce sistemático, subsolado e plantación dunha superficie aproximada de 30 ha. na conca alta do río Mougás, que está poboada por 5 hábitats de interese comunitario incluídos na Directiva 92/43/CE: Pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica (código 8220), Ríos de piso colino a montano, con vexetación de Ranunculion fluitantis (Código 3260), Breixeiras secas europeas (código 4030), Formacións herbosas con Nardus (código 6230) e Breixeiras húmidas atlánticas con Erica ciliaris (código 4020). Estas dúas últimas coa consideración de 'hábitats prioritarios' na lexislación europea".
Engaden que entre as especies afectadas figura o narciso coñecido como "mallo" (Narcissus cyclamineus), que está incluído no Catálogo galego de especies ameazadas. No lugar habitan ademais diversas especies animais pouco frecuentes na costa sur galega, como son a lebre (Lepus granatensis) e o miñato abelleiro (Pernis apivorus).
Lembran que a existencia destes valores motivou que a Xunta de Galicia incluíse este espazo na súa Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 do ano 2012, dentro do novo LIC "Serra da Groba e Monte da Valga". Posteriormente, o abandono do proceso por parte da Administración galega deixou esta serra "nunha situación de absoluta desprotección" sinalan.
Entre os efectos máis graves que puidemos observar sobre o terreo destacan:
-A apertura de sulcos con maquinaria pesada dentro de dous hábitats de conservación prioritaria. O subsolado realizouse en liñas de máxima pendente, de maneira que as escorrentías producidas polas choivas están escavando zangras que ameazan con drenar e secar o humidal.
- O peche do curso alto do río Mougás, que non respeta a preceptiva servidume de paso.
- A expulsión dos cabalos que habitan en liberdade na serra da Groba desta importante área de pastos húmidos e abrevadeiro. O labor que realizan resulta fundamental para a preservación do humidal e das comunidades de plantas que nel medran. A exclusión dos cabalos ameaza con afectar gravemente á biodiversidade deste espazo natural, especialmente no caso das especies máis pequenas e vulnerables, como son as plantas insectívoras ou orballiñas (Drosera intermedia).
- A transformación de carrasqueiras secas europeas (hábitat de interese comunitario 4030) en novas plantacións de piñeiros.
Verquido de residuos sólidos sobre o humidal (como bandexas forestais), así como o abandono de máis de 700 plantas de freixo (especie inapropiada para estes terreos) amoreadas no lugar de plantación.
Os colectivos esixen " a restitución do espazo natural ás súas condicións anteriores, así como que a Administración analice a posible vulneración da normativa ambiental no referido á lexislación de augas e de protección de hábitats prioritarios e de especies catalogadas".
O escrito de denuncia o asinan o Colectivo Matogueira, Fontaíña, Verdegaia, Morcegos de Galicia, Amigos da Terra, Adega, Salvemos Monteferro, SOS Groba, A Ría Non Se Vende, Asociación Gallega para la Conservación de la Biodiversidad, A Terra Non Se Vende, Equo e o Clube Espeleolóxico Maúxo