Venres, 22 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Gondomar Un milleiro de persoas marchan pola Serra do Galiñeiro para pedir a súa protección

Un milleiro de persoas marchan pola Serra do Galiñeiro para pedir a súa protección

Correo-e Imprimir PDF
Un milleiro de persoas marcharon polo Galiñeiro pedindo a súa protección
Momento da marcha
galineiro 3
galineiro 2014 3
  • Anterior
  • 1 of 4
  • Seguinte

Un milleiro de persoas marcharon onte na V andaina reivindicativa pola protección da Serra do Galiñeiro como parque natural.

A marcha iniciuse padas las 10:30 dende a parroquia de Erbille, discurrindo pola vertente leste da serra, ascendendo ademais a algúns dos lugares máis prominentes como  a Cova da Becha e o cume de A Garita.

 As persoas participantes ateigaron o torreiro da Ermida das Neves de Erville para xantar e participar nos diversos actos que prolongáronse até avanzada a tarde.

 Que sexa parque natural.

Esa será a petición unánime da V Andaina Serra do Galiñeiro. Unha catalogación que se efecivizaría mediante unha categoría de protección efectiva e que conxugaría as ameazas que enfronta actualmente este espazo natural. Deste xeito, o parque integraría a totalidade das cotas altas da serra, e formularíase como unha ampliación do actual Parque Natural do Monte Aloia, que se sitúa precisamente no extremo sur da mesma serra do Galiñeiro.

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro destaca que a serra do Galiñeiro cumpre coas condicións esixidas para ser declarada Parque Natural, dacordo coa Lei 9/2001 de conservación da natureza. "Temos que destacar nomeadamente a beleza e espectacularidade dos cumes e formacións rochosas da serra, a singularidade das súas formacións xeomorfolóxicas, a variedade e riqueza das súas comunidades biolóxicas e os seus valores educativos e científicos, así como a importante función social que exerce a serra do Galiñeiro nunha área xeográfica tan densamente poboada como son o concello de Vigo e os vales da Louriña e O Miñor", apunta.

 Esta reivindicación fundaméntase na suma de todos estes valores, así como na existencia actual dun parque natural no extremo meridional da serra. Para o propio Parque Natural do Monte Aloia, "a ampliación constitúe unha necesidade vital, pois permitiríalle aumentar a súa reducida superficie, así como incorporar novos e importantes valores de tipo paisaxístico, xeolóxico e biolóxico, ademais dun destacado patrimonio histórico e arqueolóxico, con elementos tan valiosos como a fortaleza altomedieval do Galiñeiro e os petróglifos de Auga da Laxe".

Principais ameazas

Na actualidade, diversas accións e actividades cun alto impacto ambiental veñen afectando á serra do Galiñeiro desde hai décadas: canteiras de granito, monocultivos forestais, depósitos de entullos, a acción continuada de quads e de motocicletas de cross e de trial.

Sen embargo, nestes últimos anos xurdiron dúas ameazas máis graves, que, de de levárense a cabo, suporían a degradación irreversibel da serra do Galiñeiro ou mesmo a súa propia desaparición física.

 Entre as ameazas que enfronta actualmente a serra do Galiñeiro, unha das máis coñecidas é o proxecto de parque eólico impulsado pola multinacional norteamericana Element Power. Durante o trámite de exposición pública, a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, diversos colectivos sociais e entidades de todo tipo, así como máis de 5000 persoas a título individual presentaron alegacións ao proxecto, esixindo a retirada do mesmo. Superada esta fase da tramitación, correspóndelle á Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia tomar unha decisión definitiva sobre o proxecto, emitindo a preceptiva Declaración de Impacto Ambiental. Esta fase final, que pechará o procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental, aínda non está concluída.

Tamén hai outra ameaza mineira. Unha Orde da citada consellaría (publicada o día 7 de febreiro de 2013) sacou a concurso diversos “dereitos mineiros” que quedaran caducados na provincia de Pontevedra. Varios destes dereitos afectan directamente á serra do Galiñeiro, e sumados aos dereitos actualmente en vigor supoñen que a práctica totalidade da serra foi dividida en “cotos mineiros”, a disposición daquelas industrias que pretendan a explotación a ceo aberto de granito ou do grupo de minerais denominados “Terras Raras”.

 Do mesmo modo que acontece no caso do proxecto eólico, tamén aquí a explotación correría a cargo de empresas transnacionais. A ameaza de explotación a ceo aberto de Terras Raras na serra do Galiñeiro, visualizouse nun primeiro momento pola presentación do permiso de investigación Galiñeiro 3.128, realizada polo fondo de investimentos sudafricano Umbono Capital. Aínda que a multinacional declarou publicamente a súa renuncia ao proxecto, o desmembramento da serra do Galiñeiro en numerosas cuadrículas mineiras por parte da Consellaría de Economía e Industria, supón que en calquera momento pode xurdir unha nova ameaza mineira nun punto calquera da serra.

Coa colaboración de Galicia Confidencial