Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A praga do picudo vermello está en plena expansión nos tres concellos do Val Miñor e Vigo.

A praga do picudo vermello está en plena expansión nos tres concellos do Val Miñor e Vigo.

Correo-e Imprimir PDF
jc gonzalez camesella

Nunha conversa con VM.info, Juan Carlos González Camesella, concelleiro de Medio Ambiente de Gondomar recoñeceu que a praga xa afecta palmeiras nos tres concellos do Val Miñor e dende hai un ano está en Vigo.

Informa de novos métodos para abaratar os custes aos veciños que deben erradicar os exemplares enfermos, así  como as formas na que o Concello pode colaborar.

Manifestou que o combate á praga é competencia da Xunta de Galicia mais salientou a importancia da colaboración entre administracións para enfrontar o problema.

As rutas do picudo

A praga amosa expandirse de xeito acelerado nos últimos meses, sinala Juan Carlos González Camesella,  responsable de Medio Ambiente de Gondomar. Unha serie de trampas con feromonas que atraen o picudo distribuídas por todo o concello de Gondomar están a permitir seguir a ruta. As parroquias de Borreiros, Donas, Mañufe e Gondomar xa están colonizadas polo escaravello. De momento en Vilaza atopouse só un exemplar de palmeira afectado. Consultado, o edil sinalou ter coñecemento da existencia de palmeiras afectadas en Sabarís, Nigrán e Vigo dende hai xa un ano.

O resto das parroquias gondomareñas, situadas na parte máis alta (Vincios, Morgadáns, Chaín, Peitieros e Couso), en principio están libres de picudo. Dende que en 2013 aparecera o primeiro caso de picudo en Galicia, nomeadamente na Xunqueira (Borreiros), existe unha zona de 11 quilómetros de radio que afecta a Gondomar e Nigrán, que recibe atención e seguimento periódico. Nestes case dous anos, só en Gondomar foron erradicados máis de 40 exemplares. No caso de Nigrán non hai cifras públicas ao igual que en Baiona.

JC. González: “o picudo non é responsabilidade da administración local”.

O combate ao picudo “non é responsabilidade da administración local”, advirte o concelleiro quen deixa claro que o tema está no ámbito de competencias da Xunta de Galicia. Sen embargo, nun marco de “colaboración entre administracións”, sinala que Gondomar está a desenvolver actividades de apoio que faciliten a tarefa dos técnicos autonómicos e alivien os prexuízos económicos aos veciños que deben afrontar a erradicación de exemplares. Nese senso, cada vez que se certifica a obriga de erradicar un exemplar e si o afectado o necesita, a concellaría local achega operarios e maquinaria que se encarga de retirar os residuos. “A tala segue a ser responsabilidade do propietario do exemplar”, matiza.

Política de erradicación e non de prevención

Os concellos non teñen medios económicos para enfrontar tratamentos preventivos nin está dentro das súas responsabilidades legais facelo, sinala o responsable de Medio Ambiente de Gondomar. Confesa que segundo a súa experiencia dende a aparición da praga, unha vez detectado o picudo ningún produto fitosanitario foi capaz de salvar á palmeira afectada. Nese senso, lembra o ocorrido nunha das palmeiras centenarias das Escolas Proval, que finalmente debeu ser tallada. Na actualidade outro exemplar da mesma antigüidade está a ser tratado, e está a servir de proba aos técnicos. O certo, reitera, é que en xeral as palmeiras que xa amosan signos de ter o picudo dificilmente son recuperables.

As palmeiras erradicadas estanse a soterrar para abaratar custes de xestión de resíduos.

Un método de soterrado a 2 metros de profundidade está a desenvolverse dende hai uns meses a iniciativa do Concello de Gondomar. Asegura González que a alternativa é segura, máis económica e conta co visto e prace dos técnicos responsables da Xunta. Explica que unha vez feito o curte do exemplar, o que se debe evitar é que os escaravellos en idade adulta emigren, pois as larvas morren xunto coa planta. O soterrado evitaría así os perigos de desprazar en camións palmeiras afectadas, que aínda os protocolos de seguridade, sempre existe o perigo do seu espallamento. As palmeiras, segundo o edil, estanse a soterrar tanto nas propias fincas afectadas como en terreos municipais cando non é posible o primeiro.

Praga en expansión

A praga leva instalada xa máis de dous anos no Val Miñor, con casos nos tres concellos.  Cada exemplar contaminado polo picudo implica delimitar unha zona de un quilómetro de radio de seguimento periódico para os técnicos chamada zona tampón e outra de 10 quilómetros máis, coñecida como zona de delimitación.

A pesar da gravidade do problema, aínda non existen mapas nin censos públicos por parte da Consellaría de Medio Rural para que os veciños podan advertir o avance da praga. O mes pasado, Vm.info solicitou - sen éxito- a esta administración os censos sobre a situación do picudo no Val Miñor, pero dende a concellería aseguran que aínda se están a realizar e se farán públicos unha vez actualizados os datos. Namentres o picudo xa chegou ao veciño concello de Vigo, ten colonizado practicamente a totalidade de Nigrán e avanza por Sabarís, cara a Baiona en diante.

O censo de palmeiras no Val Miñor ronda os 4000 exemplares.