A proliferación de palmeiras no Val Miñor como ornamentación privada ou pública é abondosa. Dende xaneiro de 2013 a praga do picudo vermello as está a ameazar, infectar e estragar sen clemencia. Autoridades e espertos recoñecen as dificultades para combater esta praga unha vez que infecta un exemplar. Aínda máis evitar a propagación pola súa capacidade de desprazamento en voo.
A maiores os tratamentos ou erradicacións non son gratuítos, polo que á pegada medio ambiental hai que sumar o peso nos petos dos contribuíntes e nas economías dos propietarios particulares de palmeiras. Mais a “guerra” ao picudo está declarada, e tres consellos básicos se achegan dende todos os axentes implicados na causa: coñecer, detectar e informar.
A situación no Val Miñor.
A Xunta de Galicia seguindo a normativa da Unión Europea decretou unha primeira “zona infectada” de 1km de radio dende a Xunqueira a principios de 2013. Ampliada dende os seus límites noutros 10km como “zona tampón”. Todas elas obxecto dun plan intensivo de detección, control e erradicación da praga. Mais o picudo avanza, e a súa pegada na actualidade afecta a exemplares fóra destas zonas. O picudo vermello ten capacidade de voo, o que lle facilita desprazamentos de ata 5 km. Exemplares centenarios como os que se localizaban nas Escolas Proval xa foron vítimas da extensión da praga, e tiveron que cortarse.
VM.info consultou á Consellería de Medio Rural e do Mar sobre a última hora no control do picudo vermello na bisbarra, así como os pasos a seguir no control comunitario da praga.
VM.info - Que fago se teño o picudo nunha palmeira? - É obrigatorio chamar á Consellería de Medio Rural?
Medio Rural- En caso de detectar o picudo nunha palmeira é obrigatorio notificalo á Consellería do Medio Rural e do Mar posto que se trata dun organismo de corentena. Os inspectores de sanidade vexetal pasaran a comprobar que se trata do organismo especificado e o nivel de danos que presenta a palmeira. Así mesmo, en función deste nivel de danos, recomendaranlle un tratamento para a loita e control do mesmo. En caso de que o nivel de afectación sexa elevado comunicaranlle que debe proceder á súa destrución.
VM.info - Que pasa si xa non se pode salvar a palmeira?
MR - En caso de que o nivel de danos sexa elevado e a palmeira non poida recuperarse deberán proceder á súa corta e destrución para evitar unha maior dispersión da praga.
VM.info - Canto custa a tala e a xestión dos residuos? Que incidencias fan variar o prezo?
MR -O custe da tala e destrución é bastante variable en función de: o tamaño da palmeira, a súa localización, principalmente se se atopan pegadas a casas, edificios, muros, etc que dificultan a súa corta e retirada. Algúns concellos están a colaborar nos traballos de retirada e xestión dos residuos, de forma que os propietarios só tiñan que realizar a corta das mesmas.
VM.info - Teño obriga de chamar á Xunta en caso de ter picudo? - Que directiva me obriga?
MR -Posto que se trata dun organismo de corentena, o propietario ten a obriga de comunicar a presenza deste organismo nocivo ou dos seus síntomas as autoridades competentes en Sanidade Vexetal. Este organismo está regulado polas seguintes Decisións comunitarias:
- Decisión 2007/365/CE, da Comisión, de 25 de maio de 2007, pola que se adoptan medidas de emerxencia para evitar a introdución e propagación na Comunidade de Rhynchophorus ferrugineus (Olivier).
- Decisión 2010/467/UE, da Comisión, de 17 de agosto de 2010, pola que se modifica a Decisión 2007/365/CE no que se refire ás plantas sensibles e ás medidas que deben tomarse si se detecta Rhynchophorus ferrugineus (Olivier).
As obrigas dos propietarios recóllense na Lei 43/2002, de 20 de novembro de sanidade vexetal.
VM.info - Por que non podo chamar á miña empresa de xardinería ou unha empresa de xestión de residuos da miña confianza?
MR -Realizáronse dúas xornadas formativas sobre o picudo vermello e os métodos de control destinadas principalmente a empresas de xardinería, co cal as empresas de xardinería poderán recomendarlle tratamentos e realizarlle a xestión dos residuos dunha forma axeitada e pode contactar con eles para realizar estes traballos, pero isto non exclúe a obrigación de notificar a presenza da praga os organismos competentes en sanidade vexetal.
VM.info - Que pasa se non trato o picudo? Pódenme obrigar?
MR -Posto que se trata dun organismo de corentena e en base á Decisión Comunitaria e á Lei de Sanidade Vexetal, a Consellería do Medio Rural e do Mar pode obrigar a tomar as medidas máis axeitadas para a loita contra a praga e para evitar a súa dispersión.
VM.info - A venda de palmeiras está prohibida?
MR - Non está prohibida a venda de palmeiras. Unicamente está prohibida, por requisito legal, nos viveiros localizados dentro da zona demarcada, pero dende a Consellería do Medio Rural e do Mar queremos subliñar que nas inspeccións levadas a cabo nestes viveiros no 2014 non se detectou ningún positivo.
VM.info - Os plans de 2013 seguen vixentes ou hai un plan máis recente?
MR - Nestes momentos continúa vixente o Plan de Acción 2013 e estanse realizando as prospeccións correspondentes ao ano en curso. En base aos resultados destas prospeccións oficiais actualizarase o Plan de Acción para a erradicación do picudo vermello.
VM.info - Fíxose un censo da zona infestada e controis nesa zona? Hai datos?
MR - Si. Realizouse un censo de palmeiras identificadas mediante foto localización en toda a zona demarcada que se está a actualizar nestes intres. A totalidade da zona demarcada está inspeccionada, identificáronse palmeiras afectadas que recibiron tratamento fitosanitario ou foron destruídas e eliminadas segundo o nivel de afectación. Realizáronse campañas de divulgación da praga e dúas xornadas técnicas no Val Miñor (Gondomar) sobre identificación e métodos de loita e control contra o picudo vermello.
Como é o picudo vermello
O picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) se aloxa e desenvolve no interior das palmeiras e pode coexistir ao mesmo tempo en catro estados: ovo, larva, pupa e adulto. Unha femia pode depositar de 300 a 400 ovos que nunha zona o Val Miñor poden eclosionar en 3 ou 5 días, segundo os instrutivos da Consellaría de Medio Rural. O ciclo completo de ovo a adulto necesitará de entre 3 a 4 meses, presentando unha media de tres xeracións ao ano, segundo a mesma documentación.
Como decatar dunha palmeira infectada
Dim lights Embed Embed this video on your site
Os danos orixinados polo picudo son producidos polas larvas ao alimentarse no interior da palmeira. Os síntomas visibles non aparecen ata pasados varios meses dende a colonización do exemplar. En moitas ocasións isto sucede cando este xa se atopa nun estado avanzado de infestación. En todo caso, calquera dúbida sobre o estado dun exemplar debe ser consultada ante un especialista fitosanitario .
Documento do plan de continxencia do picudo vermello Rhynchophorus ferrugineus da Xunta de Galicia. Recomendacións de tratamentos fitosanitarios para o control do picudo vermello das palmeiras.
Opcións de lectura e descarga do documento
Ver en ISSUU | Ver en SLIDESHARE | Descargar en PDF (2,6 MB)
MÁIS INFORMACIÓN - AXUDA NO VAL MIÑOR
Se desexa contactar co colectivo de veciños do Val Miñor
que están combatindo a plaga do picudo
pode escribir un correo ao enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo