Hai unha especie de palmeira que está nos nosos xardíns e parques públicos dende hai moitos anos. Foi plantada polos indianos nos xardíns das casas que construíron e, pouco a pouco, por imitación, tamén polos concellos e a poboación en xeral, que vían nesta árbore un sinal de distinción. Chegouse a tal punto que moita xente plantounas en macetas e en xardineiras, mesmo nos balcóns e en terrazas das que, co paso do tempo e ao ir medrando, xa non puideron saír se non era troceadas e con un grande custo material e económico. As árbores medran e si non son plantadas nun sitio axeitado e respectando as distancias vitais que cada especie necesita no seu desenrolo, ocorre que o que era motivo de ornato e de pracer visual, trócase nun estorbo e nun problema ao que lle hai que pór remedio.
Seica de xeito accidental, procedente de África e vía sur de España, chegou ata a nosa terra un escaravello ao que chaman picudo vermello, pola súa cor e unha especie de pico no seu maxilar superior que utiliza para ir minando , dende o ápice, ás palmeiras que hai polos xardíns e parques do Val Miñor. A pouco que nos fixemos cando transitamos polo Val Miñor, iremos vendo vedraias palmeiras de pazos e casas con soleira, e tamén de chalets de veranenantes e moradores de a diario, mortas ou en proceso de morrer, atacadas por esta praga de escaravellos chegados das terras do sur.
Cando nos desprazamos cara o noso lugar de traballo a cotío, imos mirando e descubrindo novos exemplares infectados e facendo como unha necrolóxia desta árbore ata hai ben pouco tempo maxestuosa nos xardíns de pazos como o de Cadaval, a carón da vella ponte da Ramallosa, nas antigas Escolas Proval, en toda rúa Otero Pedrayo nesas grandes fincas con aire pacego, en Sabarís e na entrada de Baiona, en Praia América, en Canido, no Viso, en Rans ... en todas partes. Algunhas delas xa mortas e secas e outras en proceso, en moitos casos sen que os seus propietarios se decaten, pois conservan o verdor das follas máis vellas perante bastante tempo dende que son infectadas .
Un sinal inequívoco de que están infectadas é a falla das follas de crecemento, as follas novas que van saíndo do ápice e que son as que tiran da palmeira cara arriba. Ao contrario que noutras especies de árbores, as palmeiras, non son quen de recuperar o ápice e xermolar por outra parte do tronco ou dunha das última pólas do ano anterior, secan aos poucos mentres o picudo vai furando a súa parte máis branda e facendo uns novelos de celulosa nos que se agochan as larvas para, dun xeito semellante ao dos vermes da seda, ir transformando á larva no escaravello adulto que sairá ao exterior para seguir reproducíndose noutra palmeira próxima.
Como di o noso compañeiro botánico Xosé Ramón García, a todas as especies foráneas lle chega o seu san Martiño. Nun proceso de adaptación e expansión, pasados cen anos, máis ou menos, soe chegar unha praga que lle dá a volta ao proceso e o inverte reducindo e/ou acabando con dita especie. Está a pasar nos eucaliptos co Gonipterus scutellatus; nos piñeiros radiatas de repoboación coa procesionaria, Thaumetopoea pityocampa ; nas vides americanas, co mildeu Plasmopara vitícola que apareceu en Barcelona en 1880, e agora coas palmeiras co picudo vermello Rhynchophorus ferrugineus que seica apareceu en 1993, procedente de Arabia Saudí vía Exipto, en Almuñecar.
Hai remedio para parar esta praga? Din que si, mais o seu custe e a crise está levando a que o picudo en pouco tempo ( pode estar ata tres anos nunha planta infectada sen manifestarse externamente) remate con tódalas palmeiras do Val Miñor e dos arredores. Si nos fixamos cando imos cara Vigo pola estrada da vía, podemos ir vendo exemplares afectados en Coruxo e Canido.
A Xunta de Galicia parece que nun primeiro intre ordenaba destruír as palmeiras seguindo un estrito e caro procedemento, que agora xa non o é tanto, dado que moitas familias propietarias non dispoñen dos medios necesarios para levalo a cabo . Agora vemos como, sen tratamento, as palmeiras morren e en moitos casos non son retiradas polo alto custo que supón o proceso. Noutro casos si o fan e está a ocorrer que aparecen as toradas de palmeira en vertedoiros ilegais e no propio monte, como no caso que podemos ver nas fotos que adxuntamos, aparecidas na Groba o 27 de novembro, na pista que vai ao curro de Mougás.
A falla de sensibilidade e responsabilidade pode levarnos a , sen querer, espallar o picudo a lugares onde non está. Seica a certas altitudes non se reproduce ( caso da Groba) e tamén que nas partes máis baixas da palmeira tampouco está, mais o caso non é que leven o picudo ao monte a un lugar onde non se vai a reproducir, se non que lixemos as pistas e camiños con un novo e exótico elemento en forma de rodas de madeira de palmeira datileira ou canaria.
Xa sabemos que os galegos nesto da reciclaxe somos especialistas destacados. Para mostra nos paseos pola Groba abonda con ver as bañeiras que fan de pías para abeberar as vacas, os cancelos feitos con metálicos das camas e as redes e cordas de plástico nos valados. Agora , tamén , toradas de palmeira nos camiños e nas congostras.
¡País....!