Martes, 14 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor O Manifesto Miñor a prol das candidaturas unitarias acada os primeiros apoios de agrupacións políticas.

O Manifesto Miñor a prol das candidaturas unitarias acada os primeiros apoios de agrupacións políticas.

Correo-e Imprimir PDF
manifesto-minhor-2

ANOVA-IN Val Miñor e mais a agrupación de Esquerda Unida de Gondomar emiten declaracións de “total apoio” á convocatoria cidadá Manifesto Miñor a prol da constitución de candidaturas unitarias a través de plataformas veciñais, nos tres concellos da bisbarra. ANOVA-IN pronunciase tras unha asemblea  conxunta de militantes de toda a comarca desenvolvida a pasada fin de semana. Pola súa banda, a agrupación gondomareña de Esquerda Unida o fixo a través dun comunicado asinado polo seu portavoz, Josué Villar, 24 horas despois do lanzamento do manifesto.

ANOVA – IN: “conformar unha ampla alianza social e política”.

Valoran “positivamente” o contido do manifesto na procura de “encetar un diálogo a fin de conformar unha ampla alianza social e política para configurar Candidaturas Veciñais Unitarias que sexan quen de rexenerar a vida democrática dos concellos miñorás”. Nese senso salienta a necesidade de “abrilos á participación cidadá” e  impulsar políticas de ordenamento do territorio, defender aos sectores máis agredidos polas políticas de “austeridade” e desaloxar dos gobernos municipais ao “partido do paro e dos recortes”.

Salientan que o Manifesto Miñor está en concordancia coa resolución da Coordinadora Nacional de ANOVA-IN do pasado mes de xullo “na que se acordou promover, apoiar e participar en candidaturas de unidade popular/cidadá nas localidades para avanzar na creba democrática co réxime actual, na rexeneración democrática da vida municipal e no dereito a decidir”.

Participarán polo tanto “a título persoal” cada un dos integrantes nas instancias que decida o colectivo veciñal co obxectivo de “conformar unha ampla alianza social e política para a rexeneración democrática dos concellos miñorás”.

EU Gondomar: “renunciar ás pequenas diferenzas que nos separan”

A prol dun proxecto “asumido e compartido pola maioría social, dende a elaboración colectiva do programa ata o control dos cargos electos por medio da participación cidadá”, os integrantes da agrupación manifestan estar de acordo “cos catro puntos do manifesto”. Afirman a súa disposición “a manter un dialogo aberto e construtivo co resto de forzas da esquerda alternativa”.

Engaden que esta postura de apoio ao Manifesto Miñor está na liña do que Esquerda Unida tanto a nivel nacional, como federal, “vai pular polo establecemento dun gran bloque político e social a nivel estatal, na liña do proposto” polo devandito manifesto.

Sinalan que o seguinte paso “e sermos capaces de artellar unha candidatura para as vindeiras eleccións municipais, respectuosa cas diferentes identidades e procesos de democracia interna, e capaz de renunciar ás pequenas diferenzas que nos separan pra acabar co bipartidismo feroz, que está a dilapidar tódolos nosos dereitos conquistados”.