Veciños da Rúa Rans anuncian que presentarán un escrito de denuncia ante o Concello de Nigrán. Sinalan estar fartos dos atrancos e a falla de seguridade para o tráfico e viandantes que están a provocar os traballos de humanización na estrada. Afirman que falta espazo para camiñar nas beirarrúas nos tramos ocupados por materiais da obra e a ferramentas espallada no chan. Reclaman a sinalización de vías alternativas para peóns nos lugares que deben baixar á estrada.
O alcalde Juan González, admite que os traballos estendéronse un pouco máis do previsto. Matiza que o Concello colaborou na dinamización da obra coa conexión das tuberías de auga e o enganche aos contadores da parte eléctrica. Mais as obras non puideron rematarse antes do verán. O prognóstico do rexedor é que as mesmas estarán finalizadas nuns 15 días. Pide desculpas aos veciños "polas molestias ocasionadas" mais entende que a intervención "beneficiará a toda a veciñanza".
As beirarrúas como aparcadoiros
A masiva concorrencia nestes día á zona que dá ingreso aos areais do Lourido agrava a situación. A redución da calzada por mor dos arranxos leva ao aparcamento de vehículos enriba das beirarrúas agravando a situación de precariedade na seguranza dos veciños. Por si fora pouco, advirten, as malas condicións dalgunhas lousas de recente colocación na beirarrúa, están a provocar tropezos e caídas.
Testemuñas dos veciños
"Eu teño que entrar e saír da miña casa co carrito do bebé e resulta imposible. Non hai espazo posible entre as obras, as ferramentas moitas veces ascendidas e deixadas no chan, o coches mal aparcados e por riba as terrazas que ocupan máis do permitido", queixábase unha veciña.
Tamén denuncian a caída de viandantes por mor do mal estado que, sinalan, presentan lousas da beirarrúa que sobresaen do chan e provocan caídas. "Na porta da miña casa caeu unha señora de moita idade tras pegar nunha delas", afirma unha veciña de Rans.
Esixen un paso peonil que protexa os viandantes. Engaden que hai fallos graves de seguridade pois as ferramentas de corte como radiais déixanse ascendidas en lugares próximo a lugares onde xogan menores. "Se pasa algo quen se fará responsable?", pregunta outra veciña da Rúa Rans, afectada polos incidentes.
"Chamei á policía e queixeime de ter que estar a esquivar coches aparcados na beirarrúa da casa e ter que baixar á carreteira cos nenos", sinala. Engade que fixo a denuncia policial máis "a contestación do Policía local era que só están eles para todo o concello e que non poden estar á miña disposición... de vergonza... a próxima vez chamo á grúa".
Antecedentes
A obra, froito da transferencia de titularidade da estrada e un acordo coa deputación do anterior goberno de Nigrán. Abrangue o tramo da avenida da Praia América, e finaliza na estrada Vigo-A Ramallosa (PO-325), na zona da Foz .