Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Valverde acusa a ex mandatarios de ser responsables dos gastos xurídicos que enfronta Nigrán.

Valverde acusa a ex mandatarios de ser responsables dos gastos xurídicos que enfronta Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF

O rexedor municipal sinala que “absolutamente todos e cada un dos gastos de relevancia xerados nesta partida” son por preitos orixinados en mandatos anteriores, “sendo o concelleiro de UCN, Antonio Fernández Comesaña, participante directo en polo menos tres de eles”, indica nun comunicado. Así Valverde responde ás acusacións do edil Antonio Fernández (UCN) sobre o excesivo gasto que en facturas de avogados enfronta o concello dende 2013. Cifra que segundo Fernández superan os 250 mil euros e que Valverde baixa a 201.125,84 euros. A todo isto o alcalde non descarta contemplar a viabilidade legal de iniciar procedementos de reintegro ás arcas municipais das contías gastadas polo concello “cara a aquelas persoas físicas relacionadas con algún destes procedementos, para que respondan co seu patrimonio, se procede”.

Segundo o rexedor en termos xerais, nos dous últimos anos o concello de Nigrán abonou un total de 46 facturas en concepto de gastos xurídicos externos, “30 en 2013, por un valor total de 53.345 euros, e 16 no que levamos de exercicio, por un valor de 41.871,62 euros, sendo unha de 5.000 euros a de maior contía”.

Agrega que deste medio centenar de facturas, o groso son por procedementos contenciosos-administrativos en materia urbanística “en defensa do concello, actuacións avaladas por informes técnicos e presentadas por particulares contra o concello”. Con todo, Valverde analiza con maior detemento sete casos concretos, “que son os que dispararon o gasto neste capítulo”, engade

Os preitos do concello de Nigrán segundo o alcalde Alberto Valverde.

-Reclamo de CESPA

O procedemento ordinario 931/2009, do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo, cuxos orixes remontar ao ano 2009, no que a empresa reclama ao concello unhas revisións de prezos non abonadas entre os anos 2002 e 2004 por servizo de recolleitas de lixo e limpeza da rede viaria por valor de 262.615,47 euros. A reclamación foi desestimada, e o custo da defensa contratada para o concello ascendeu aos 48.973,78 euros. A designación do letrado foi realizada polo goberno bipartito PSOE-BNG.

-O procedemento ordinario 183/2012, do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo, iniciouse no ano 2012, na que unha empresa reclama ao concello os intereses por valor de 172.318,75 euros, dunhas facturas consignadas, entre outros, por Antonio Fernández Comesaña cando formaba parte do goberno municipal, e que foron abonadas en maio de 2009. O fallo sentencia ao concello a pagar 159.567,11 euros á empresa polos intereses de demora no pago das mesmas, e o custo do avogado neste procedemento foi de 2.250 euros.

-O procedemento 1/2013 do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo, tamén relacionado con Antonio Fernández Comesaña, no que unha empresa de limpeza de xardíns, contratada polo concelleiro de UCN en 2004, reclama ao concello 8.921,83 euros de intereses de demora, cuxa factura -de 13.054 euros- foi abonada en marzo de 2012. O custo do avogado neste procedemento foi de 1.617,50 euros.

-O terceiro procedemento relacionado co concelleiro de UCN, é o 238/2013 do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo, no que unha empresa reclama 130.811,32 euros por dez facturas e intereses de demora, cinco delas dos anos 90 e o resto emitidas ao concello nos anos 2004 e 2005, por un total de  113.209,49 euros.

A sentenza desestima a reclamación da empresa, polo que o custo do avogado defensor do concello neste caso é cero, en base ás costas, que servirán para pagar os gastos xurídicos.

-O procedemento ordinario 143/2011, do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo, no que unha empresa reclama ao concello 23.582,45 euros máis intereses, correspondente a unha factura resultante dun convenio asinado co concello en outubro de 2007, no mandato PSOE-BNG, para o roce de marxes de viales públicos. A sentenza condena ao concello a abonar 19.243,07 euros e 16.588,95 euros por intereses de demora, en total 35.832,02 euros, e pagouse 4.069,06 euros ao avogado defensor.

-O procedemento ordinario 133/2011 do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo, unha demanda por responsabilidade patrimonial que ascendía a 1.555.594,99 euros cuxo orixe remontar ao ano 1998. A defensa do concello permite reducir o abono municipal de dita reclamación a 312.491 euros, sentenza que foi recorrida, á espera dun novo fallo. O abono da factura do avogado, por valor de 105.909,84 euros, está pendente de pago, á espera do fallo do recurso.

-Para rematar, Valverde destaca o procedemento 88/2013, do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo, no que Fenosa reclama o pago de 32.567,65 euros en concepto de subministro eléctrico con data de outubro de 2007. A sentenza foi desfavorable para o concello en segunda instancia, cun custo total a abonar ao avogado defensor de 4.353,60 euros.

Advirte o alcalde que só o importe reclamado nestes sete procedementos ascende a 2.186.412 euros, “aínda que grazas ao labor dos avogados defensores conseguiuse reducir, en principio, a 549.379,61 euros”, salienta. Así mesmo, o gasto por contratación de servizos externos xurídicos nestes procedementos é de 167.173,78 euros.