Mércores, 6 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Marcha de coches en Nigrán contra a vía que ameaza con partir en dous o municipio

Marcha de coches en Nigrán contra a vía que ameaza con partir en dous o municipio

Correo-e Imprimir PDF
Cartaz Nigrán - Non o Vial

Medio centenar de familias do municipio de Nigrán seguen sumando apoios na súa particular loita contra o trazado dunha vía de alta capacidade denominada "Balsa-Saiáns-Porto do Molle - Xunqueira" que figura no PXOM de Nigrán aprobado inicialmente o pasado mes de xuño.

O trazado afecta a 37 vivendas e medio centenar de propiedades, sen que medie até o momento xustificación técnica e económica algunha que fagan viable o trazado, denuncia a veciñanza. Ademais critican que a infraestrutura dividiría en dous o concello. Pénsano por de manifesto cunha caravana de vehículos que se desenvolverá este sábado ás 17 horas partindo do Torreiro de Priegue e rematará no Concello de Nigrán.

Os afectados sospeitan  da existencia de comenencias nos promotores políticos da vía, xa que o PXOM devalúa a clasificación do solo das propiedades por onde pasa o trazado para reducir as contías das indemnizacións no caso de expropiacións. Piden o cumprimento dos compromisos acadados por toda a corporación no ano 2010, así como o uso da infraestruturas existentes e a mellora no servizo de transporte público como alternativas ao trazado dunha nova autovía. Os veciños de Nigrán están a levar a cabo unha recollida de sinaturas e tamén de apoios na plataforma de internet change.org.