Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Portos de Galicia anuncia a contratación do estudo de fórmulas de abrigo para o peirao de Panxón

Portos de Galicia anuncia a contratación do estudo de fórmulas de abrigo para o peirao de Panxón

Correo-e Imprimir PDF
reunion-portos-galicia

-O organismo prevé poder dar a coñecer públicamente as alternativas técnicas un prazo estimado de tres meses.

-O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, apuntou a búsqueda de consenso para adoptar medidas que beneficien a todos os sectores implicados no porto de Panxón.

Portos de Galicia contratará nos vindeiros días unha asistencia técnica para realizar un estudo sobre a dinámica marítima do porto de Panxón, de tal modo que se identifiquen as necesidades de abrigo e se propoñan as fórmulas de actuación para darlle resposta. Así o anunciou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ao municipio de Nigrán.

Durán Hermida informou aos representantes do sector profesional e da náutica recreativa, así como ao rexedor municipal, Alberto Valverde, dos obxectivos deste estudo e indicou que, de non xurdiren imprevistos, as previsións apuntan a que o ente público poida dar a coñecer as alternativas resultantes do estudo ao longo deste ano. Deste xeito, exporanse todas as posibilidades técnicas e a súa viabilidade económica.

Coa contratación deste estudo, segundo Portos de Galicia, darase cumprimento ao compromiso acadado co sector profesional da zona, "de estudar as posibilidades de reforzar o abrigo para mellorar as condicións de traballo dos mariñeiros, beneficiando en paralelo a flota recreativa."

Esta actuación súmase á mellora recentemente rematada no porto de Panxón, a remodelación do bordo portuario, na que a consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu un millón de euros. Esta actuación incluíu a execución dunha pasarela peonil en voadizo, para mellor mobilidade e seguridade viaria da zona portuaria; a ampliación da rampla para incrementar a capacidade de varada de embarcacións e creación de novas prazas de aparcadoiro para os profesionais; e a redefinición do vial e a rotonda de acceso. Finalmente, procedeuse tamén ao axardinamento da zona.

Pola súa parte, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, apuntou a importancia de que todas as partes implicadas acaden un acordo coa maior brevedade posible para adoptar medidas que beneficien a todos os sectores implicados. "Dende o Concello de Nigrán rexeitamos a confrontación e urximos ás partes implicadas a chegar a un acordo que beneficie tanto á actividade dos mariñeiros, como á náutica de recreo, como ao turismo, o que traducirase nunha dinamización da economía local que redundará en beneficio de todos", explicou.