Martes, 19 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor Convocan acción comunitaria para limpar de lixo o fondo mariño do Porto de Panxón

Convocan acción comunitaria para limpar de lixo o fondo mariño do Porto de Panxón

Correo-e Imprimir PDF

porto-panxonEsa cervexa xeada que bebiches no areal e deixaches tirada no chan. Levouna o mar. Esa nasa que caeu da embarcación cando esvaraches e no apuro non fuches por ela. Afondou e fica aínda alí. Pneumáticos, latas, artes de pesca, e todo o lixo que podades imaxinar aniña no fondo mariño do porto de Panxón. Ese espazo natural e de traballo que permite a cotío gañarse o pan a centos de familias e gozar da navegación ou ocio turístico a milleiros de persoas, o temos feito unha porcallada.

Unha acción comunitaria quere sensibilizarnos disto e para iso convócanos a axudar na súa limpeza á vez que participar dunha xornada de divulgación da cultura mariñeira o vindeiro sábado 30 de agosto, a partir das 10:30 horas da mañá no Porto de Panxón. VM.info falou con Elena Herbello, membro do Grupo de Acción Costeira Ría de Vigo – A Guarda, que xunto con outros colectivos están a coordinar a actividade. 

lata-fondo-marinho 

 

Os mergulladores e a flota pesqueira darán comezo á aventura submarina.

Cóntanos Elena que primeiro sairá un grupo de mergulladores a examinar e percorrer o fondo mariño do porto de Panxón. Dende o peirao os poderemos observar facendo as manobras para localizar os residuos que logo serán retirados. Unha vez localizados os van amarrar cun gancho e un cabo que noutro extremo leva unha boia que permitirá marcar en superficie a súa posición.

A continuación,  unha flota de barcos de apoio, formada por embarcacións de pesca e por outras pertencentes a diversos estamentos da administración, entrarán na zona e seguindo as boias recollerán e izarán a bordo os residuos que localizaron e amarraron os mergulladores.

Hai un posto de traballo voluntario que podes ocupar ti.

clasificacion-lixoTodo o lixo recollido levarase a porto, é será descargado coa axuda do persoal de apoio e traballo en terra –integrado por todos e todas as que se anoten na xornada-, para posteriormente seleccionar os residuos e depositalos en contedores segundo o tipo de material.

Un segundo equipo de participantes estará encargado de realizar as labores de recollida e recuperación de fauna mariña, principalmente invertebrados, que chegan adheridos ao lixo que foi retirado do mar. Todos estes organismos mariños son introducidos temporalmente nun acuario, no cal, tanto o público coma os participantes na limpeza os poden observar e coñecer. Contarase cun equipo de monitores e de material de estudio e divulgación (lupas, láminas, libros...) para amosar e explicar diversos aspectos da bioloxía destes animais.

Posteriormente, todos estes animais que foron recollidos e recuperados dos residuos extraídos na limpeza serán devoltos ao seu medio. “Esta é unha das accións máis importantes e que máis chama a atención entre os participantes, público e medios de comunicación”, sinala Elena.

 

Como podes participar

muller-roda-marPrimeiro hai que pórse en contacto coa organización a través do teléfono 986 35 81 09 ou polo correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo . Indicar se vai participar como mergullador ou como persoal de apoio en terra. No primeiro caso terase que presentar documentación acreditativa. No segundo simplemente achegar nome e apelidos, DNI, idade e número de contacto. Hai tempo ata o venres 29 de agosto para facelo. Para concorrer como observador non é necesario inscrición.

Terceiro ano consecutivo desta experiencia colectiva no mar.

Este é o terceiro ano que o GAC 7 organiza xornadas deste tipo. No ano 2012 realizáronse as limpezas submarinas dos portos de A Guarda e Meira (Moaña). No ano 2013 limpáronse os fondos dos portos de Cesantes (Redondela) e Baiona. No ano 2014 está prevista a limpeza do porto de Panxón (Nigrán) e mais o de Cangas o día 4 de outubro.

Para a preparación desta actividade cóntase coa colaboración do Concello de Nigrán, a Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona, a Asociación de Redeiras Baixo Miño – Atalaia, CEMMA, Plataforma pola defensa da Ría de Vigo –Cíes, ADEGA e SOCOMGAL.

 

mergullador-cangrexo