Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O Concello de Nigrán inicia obras de mellora nas instalacións do CEIP Carlos Casares.

O Concello de Nigrán inicia obras de mellora nas instalacións do CEIP Carlos Casares.

Correo-e Imprimir PDF
obras-colegio-carlos-casare

A concellaría de Educación do Concello de Nigrán está realizando obras de mellora das instalacións do colexio público Carlos Casares, en Vilariño, cun investimento valorado en 15.000 euros. Estas obras, que afectan á zona exterior do centro, concrétanse co asfaltado do patio de acceso e da zona traseira do centro, así como coa rampla de acceso á pista polideportiva.

 

Ao mesmo tempo procederase á reconstrución dun muro que se atopa en perigo de derrube. Tras visitar as instalacións, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, comunicou á directora do centro que, a pesar de non estar contemplado no plan inicial, o concello asumirá esta actuación como medida preventiva de seguridade e para evitar ter que actuar con posterioridade, aproveitando que a maquinaria está traballando no mesmo lugar.

Así mesmo, operarios municipais asumiron nas últimas semanas a reparación e acondicionamento da pista deportiva do colexio, que segundo o alcalde, atopábase " nun estado lamentable e constantemente afectada por inundacións que limitaban o uso destas instalacións".

"A execución destas obras era un reclamo reiterado do centro ao goberno municipal, xa que o estado das zonas deportivas e de lecer do colexio atopábanse nun estado ata perigoso para os nenos", observou Valverde

Maior seguridade

O goberno municipal tamén asumiu obras de mellora da contorna do colexio Carlos Casares, na Rúa Pai Franciscanos ao seu paso polo centro escola. Trátase dunha ampliación da rede de saneamento e a mellora dun espazo público situado enfronte do colexio que se está acondicionando e no que se procederá á instalación dunha marquesiña que mellorará a seguridade viaria na contorna do colexio, así como a colocación de mobiliario público e unhas árbores.