Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán asegura ter presentado o exercicio 2010 ante o Consello de Contas, pero este non o rexistra.

Nigrán asegura ter presentado o exercicio 2010 ante o Consello de Contas, pero este non o rexistra.

Correo-e Imprimir PDF
Alberto-Valverde

O alcalde Alberto Valverde asegurou nesta xornada que o Departamento de Intervención de Nigrán presentou as contas do exercicio do 2010 no pasado mes de decembro ante o Consello de Contas de Galicia. Nembargante, o informe oficial elaborado polo organismo autonómico o pasado mércores 18 de xaneiro non rexistra tal presentación. A contradición non é menor ao estar en xogo o acceso ás subvencións que outorga a Xunta de Galicia aos Concellos, as que están entre outros aspectos condicionadas ao cumprimento deste trámite.

 

O rexedor sae así ao cruce da información publicada onte por Valminor.info e outros medios, baseadas nun informe oficial do Consello de Contas. Valverde, a través dun comunicado, asegurou que "os datos manexados polos xornalistas non están actualizados".

A versión do alcalde Valverde asegura que o Departamento de Intervención do Concello remitiu o pasado mes de decembro as contas do municipio por vía telemática, "tal e como impón o sistema, e esta mesma semana enviounos en formato papel". No mesmo escrito, Valverde emitiu unha mensaxe aos veciños e veciñas do municipio co fin de dar tranquilidade aos mesmos e afirma que "Nigrán non ten ningún problema nin nas formas nin nos tempos de entrega das conta de 2010".

"Toda a documentación está en orde, e así lle consta ao Consello de Contas da administración autonómica", agrega o rexedor. "O único que temos que facer para optar ás subvencións da Xunta de Galicia será presentar un certificado conforme presentáronse as contas na solicitudes das mesmas, un mero formalismo que, insisto, non afectará de forma negativa ao noso municipio", conclúe.

Nembargante, o informe oficial do organismo autonómico afirma o contrario. Asinado con data 18 de xaneiro de 2012 e baixo o título "Relación de entidades e o seu estado de rendición en todos os exercicios", rexistra que Nigrán non presentou as súas contas durante o prazo establecido (antes do 15 de outubro de 2011), nin ata a data de publicación do devandito informe. Aseveración que se reitera noutro apartado co título "Relación de entidades que remitiron a conta do exercicio 2010", onde non aparece entre as administración que cumpriron o trámite a de Nigrán. Ambos os dous Informes  se mantén sen modificar ata o peche deste artigo.