Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Nigrán, Gondomar e Morgadáns sen subvencións no 2012 se non cumpren co Consello de Contas.

Nigrán, Gondomar e Morgadáns sen subvencións no 2012 se non cumpren co Consello de Contas.

Correo-e Imprimir PDF
tres-alcaldes-010

Os Concellos de Nigrán e Gondomar, así como a Entidade Local de Morgadáns corren o perigo de non recibir subvencións da Xunta de Galicia por mor do seu atraso na presentación das contas municipais do exercicio 2010. De feito, de aplicarse a normativa vixente, as tres administracións están xa fóra das liñas de axudas destinadas á formación de adultos, pechada o pasado luns 16 de xaneiro. As devanditas administracións tiñan prazo ata o pasado 14 de outubro para achegar a domumentación ante o Consello de Contas. A partir desa data e ata non dar cumprimento á obriga, Nigrán, Gondomar e Morgadáns non poderán participar das liñas de subvencións autonómica.

 

A maiores, na primeira semana de febreiro pechará o prazo para que os Concellos e as entidades locais podan inscribirse nas subvencións 2012 destinadas a infraestruturas de uso público, programas de fomento da igualdade de xénero, así como as correspondentes á promoción da lingua galega. Dende a Consellería de Presidencia, afirman que todas as administracións foron informadas no transcurso do 2011 das consecuencias de non cumprir coa esixencia do Decreto 193/2011, en vigor dende o pasado 10 de novembro, que regula a presentación das contas xerais das administración locais ante o Consello de Contas e o Tribunal de Contas. A norma advirte no seu artigo nº 4 que "Será requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumpran o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio. "

Ademais, se ben segundo o Acordo de 2011, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a instrución que regula o formato normalizado da Conta Xeral das Entidades Locais só atende ao exercicio 2010 como condición para a normal participación nas axudas da Xunta de Galicia, a normativa xeral dispón que se pode sancionar con multas ás administracións que teñan atrasos coas contas de anos anteriores.

A rendición das contas xerais caso a caso no Val Miñor.

A Mancomunidade do Val Miñor aínda que "fora de prazo", segundo o informe con data 18 de xaneiro de 2012 do Concello de Contas, ten presentadas as contas xerais de tódolos exercicios dende 2006 ata o 2010. Polo cal , o ente mancomunado non terá problemas na súa xestión de axudas autonómicas no 2012.

Na mesma situación se atopa o Concello de Baiona. Neste caso, as contas do 2010 foron presentadas antes do vencimento do prazo legal, exactamente con data 7 de outubro de 2011. Segundo o infome do Consello de Contas, a documentación presentada presentou "defectos", os que deberán ser arranxados pola administración de Jesús Vázquez Almuíña.

No caso de Nigrán, as contas do 2006, 2007 e 2008, aínda que fóra de prazo, están presentadas. As do 2009 foron presentadas fóra de prazo (29/12/2010) e segundo Contas, presentan "defectos" na súa documentación. O exercicio 2010 figura como "non remitido".

Gondomar atópase en idéntica situación e antecedentes que Nigrán. No caso da Entidade Local Menor de Morgadáns, as contas xerais do 2010 están sen remitir, e as de 2007, 2008 e 2009 foran remitidas todas xuntas en marzo de 2011, tendo as dous primeiras "defectos" a solucionar.