Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Un vertedoiro "histórico" de lixo en Nigrán ameaza o Río Muíños e enfronta a goberno e oposición.

Un vertedoiro "histórico" de lixo en Nigrán ameaza o Río Muíños e enfronta a goberno e oposición.

Correo-e Imprimir PDF
Toneladas de lixo nun predio privado ao carón da Estrada pola Vía en Nigrán.

Rodas, neveiras, electrodomésticos en desuso, toneladas de lixo, restos de poda e entullo amoréanse nun predio situado na zona de Canido, ao carón do río Muíños no concello de Nigrán. A paisaxe non é nova, o enclave ven sendo utilizado dende hai anos por distintas administracións locais para acumular lixo, a pesar da grave ameaza contaminante que representa para o ecosistema do río, a saúde medioambiental e a desfeita aos ollos de veciños e visitantes.

Ao predio accédese a través do camiño do Río que nace na Praia Lourido (América), e atópase a poucos metros da estrada pola costa, á altura da depuradora local  (EDAR). Ante a ausencia dun punto limpo municipal, dende hai anos distintas administracións locais fixeron deste predio privado un vertedoiro.  O alcalde Alberto Valverde asegura que este problema estase a solucionar coa autorización dun punto limpo para Nigrán xa solicitado á Xunta de Galicia. De feito o rexedor informou que nesta xornada recibiron o informe favorable da administración autonómica que lle fai supoñer que a máis tardar nun mes, estaría habilitado.

O sistema do tratamento do lixo segundo o Concello.

O rexedor aclarou que os actuais vertidos atópanse de forma transitoria neste lugar con permiso do seu propietario á espera de ser procesados na planta privada que fai de punto limpo de momento na zona da Xunqueira. Planta que tamén se atopa a carón dun río, O Miñor. Por outra parte, informou que a administración local non paga nada ao propietario do eido de Canido, por acordo mútuo. Nembargantes, o Concello debe pagar polo procesado do lixo á empresa privada da planta da Xunqueira .

A denuncia do PSOE

Para o concelleiro socialista Juan González a actual acumulación de residuos en Canido é "ilegal". Asegura que o devandito vertedoiro foi " perfectamente sellado"  pola anterior administración de Efrén Juanes. De feito, o PSOE emitiu nesta xornada un comunicado onde acusaba aos concelleiros Ignacio Vilas (Urbanismo-Medio Ambiente) e José Álvarez (Vías e obras), así como ao propio alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, de volver a por en funcionamento este " vertedoiro ilegal".

Juan González manifestou que durante os catro años de goberno socialista pecharonse os vertedoiros "históricos" de Porto do Molle cunha inversión da Xunta de Galicia de 600.000€, o de Tolbas, tamén a carón de Polígono,  e o  "sellado definitivo do vertedoiro de  Camos feito polo propio Concello".

Máis polémica goberno - oposición.

O concelleiro opinou que en só catro meses " todos estes esforzos do goberno municipal e das diferentes administracións se veñen abaixo xa non pola indiferenza do PP se non porque o propio goberno é o que xera e pon en marcha un vertedoiro ilegal e por riba nunha zona especialmente sensible."

Consultado o alcalde Valverde, este opinou que a ilegalidade que se lle pode reprochar ao actual goberno é igual ca que tería cometida o goberno socialista pois eles tamén utilizaron ese predio privado cos mesmos fins.

Alimentando a polémica o concelleiro Juan González, entende que ese  tipo de resposta "non corresponde a un gobernante serio" e agregou que a empresa situada na Xunqueira "foi contratada no noso goberno e só é para tratar o verde e non o vertedoiro vergoñento ó lado do paseo do rio Muiños".