Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O concello de Nigrán homenaxea ao mestre José Vázquez e ao concelleiro Joaquín Iglesias Portela.

O concello de Nigrán homenaxea ao mestre José Vázquez e ao concelleiro Joaquín Iglesias Portela.

Correo-e Imprimir PDF
praza-joaquin-iglesias-portela

José Vázquez Grela, do barrio das Angustias en Nigrán, exercía como mestre en Nigrán no ano 1936. Identificado co republicanismo, loitou por levar adiante o ensino baixo os postulados renovadores e liberais da II República e co obxectivo de levar a escola aos recunchos mais afastado. O 12 de setembro de 1936 sobre as 13 horas foi executado polas forzas sublevadas logo de ser "paseado", no barrio Devesa. Unha bala na cabeza e outra no peito acabaría coa súa vida. Tiña 50 anos, estaba casado con Josefa Iglesias e tiña seis fillos.

Joaquín Iglesias Portela nacera o 18 de xullo de 1872. Gañaba a vida como carpinteiro e foi concelleiro do Concello de Nigrán presidido polo alcalde Manuel Alonso González, O Muiñeiro de Priegue, elixido o 31 de maio de 1931. O 25 de outubro a corporación municipal foi destituída polo goberno radical-cedista de Lerroux e Gil Robles e nomeou por decreto aos novos concelleiros; a corporación municipal ficará presidida por Ángel Costas Guisandes. Tras as eleccións de febreiro de 1936 o goberno do Frente Popular resolve destituír as corporacións nomeadas e restituír as elixidas polos votos populares. Así aconteceu en Nigrán, e o 21 de febreiro volveu tomar posesión da alcaldía Manuel Alonso González e con el todos os concelleiros entre os que estaba Joaquín Iglesias Portela. Poucos meses despois acabarían coa súa vida.

Tiña pois 64 anos. Joaquín enviuvara e casara en segundas nupcias con Dolores Portela, residía en San Pedro da Ramallosa e tivo, neste segundo matrimonio, sete fillos: Eduardo, Generosa, Constantina, Pepa, Antonia, Basilisa e Ulpiano. Ao maior, Eduardo, o único en idade de traballar e gañar o pan para os seus, obrigárono a ir á guerra. No servizo maltratárono, regresou enfermo de tuberculose e morreu ao pouco tempo. Como tamén faleceron de tuberculose e fame as súas irmáns Generosa, Antonia e Basilisa.

A colocación das Placas do “Parque Mestre José Vázquez Grela” no lugar onde fora a súa Escola e dende onde foi sacado para ser fusilado e a “Praza Joaquín Iglesias Portela” no seu Barrio de A Cabreira e no lugar onde estivera a súa casa "fará que seus nomes e os seus feitos na loita pola Cultura, polo Ensino e pola Democracia pervivan para sempre en Nigrán" manifestou o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Cultura Juan González. Agregou que as devanditas placas "homenaxea as persoas que sufriron unha cruel represión despois do golpe de estado de 1936, que en casos como o do mestre de Nigrán chegou a quitarlle a vida, polo mero feito de defender unhas ideas de progreso e liberdade."