Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Rematan as obras do saneamento integral na parroquia de Chandebrito e as rúas Roteas, do Río e Areos

Rematan as obras do saneamento integral na parroquia de Chandebrito e as rúas Roteas, do Río e Areos

Correo-e Imprimir PDF
obras-nigran-14-12-10

O Concello de Nigrán rematou o proxecto de abastecemento e saneamento de augas que afectou maioritariamente á parroquia de Chandebrito e que achega a cobertura a máis do 90% dos veciños da zona. As obras tamén cobren as rúas Roteas e do Río en Camos, e a Rúa Areosa na parroquia de San Pedro da Ramallosa. O proxecto implicou un investimento de 660.808,58 euros que foron financiados pola Xunta de Galicia.

O saneamento integral de Chandebrito con estas actuacións nos Barrios de Tomadas, Barrio da Igrexa, Barrio de Pracíns e das Rozadas, finaliza a segunda fase de traballos nesta parroquia que permite á case totalidade dos veciños conectarse á rede, segundo as autoridades municipais. No caso das obras de saneamento na parroquia de Camos, nas Rúa Roteas e Rúa do Río consistiu nunha rede de recollida de augas fecais coa súa conexión a rede existente. Así como a instalación dun novo colector cun diámetro superior totalmente imprescindible para evitar saturacións e os vertidos, por sumidoiros, cara ao Río Muíños ao longo da Rúa Areosa, na parroquia de San Pedro da Ramallosa, dende a antiga estación de bombeo.

 

Segundo Juan González Pérez, concelleiro de urbanismo, esta actuación "é de grande importancia para a conservación do medio ambiente e para rematar dunha vez por todas cos vertidos de fecais na desembocadura do Río Muíños."

 

No día de hoxe, a empresa Eyriña encargada dos traballos entregou a obra finalizada co visto bo dos responsables da Xunta, os técnicos municipais e o Tenente de Alcalde e concelleiro de Urbanismo Juan González Pérez. A mesma foi xestionada polo Concello de Nigrán ante o goberno bipartito da Xunta e concedido a mediados do ano pasado pola administración de Núñez Feijóo. Os traballos comezaron en setembro de 2009 e formaron parte do proxecto de colaboración técnica e financeira da Administración Hidráulica de Galicia coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento de augas.