Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Entre 150 e 200 toneladas de residuos acumúlanse xa nas rúas de Nigrán

Entre 150 e 200 toneladas de residuos acumúlanse xa nas rúas de Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
Hoxe cúmprese a cuarta xornada da folga dos traballadores do servizo de limpeza de Nigrán sen que se producira ainda ningún achegamento con Cespa. Os traballadores manteñen dende o luns unha folga indefinida sen servizos mínimos por non chegar a un acordo na negociación do convenio colectivo coa empresa concesionaria CESPA. A consellería de Sanidade realizou onte un informe a petición co concellal de medioambiente para actuar inmediantamente nun problema que xa pode afectar directamente á saúde pública.

Entre 150 e 200 toneladas de lixo atópanse sen recoller no municipio pontevedrés de Nigrán desde o inicio dunha folga indefinida do seu servizo de limpeza para reivindicar melloras salariais por parte dos seus traballadores. Así o confirmou hoxe a Efe Xusto Fernández, representante da CIG no comité quen explicou que nesta cuarta xornada de folga os traballadores percorrerán distintos puntos da localidade para explicar mediante megafonía á poboación o por que deste paro.

Segundo o sindicalista, non houbo aínda ningún achegamento coa concesionaria municipal do servizo de limpeza Cespa para a negociación do convenio colectivo, aínda que si no que se refire á implantación de servizos mínimos. Desde que empezou esta folga indefinida houbo un pequeno intento de establecer servizos mínimos, pero, finalmente, a falta de entendemento entre o comité de empresa e Cespa paralizounos.

Cada día deixarán de recollerse entre 40 e 50 toneladas co que non só se verán prexudicados os veciños, tamén os miles de turistas que gozan xa do verán nesa zona. A folga afecta a uns 27 traballadores do servizo de limpeza entre eventuais e fixos, tamén á recollida de lixo e limpeza de praias, entre outros servizos.

Os traballadores reclaman un incremento do 12,45 por cento de incremento dos seus salarios. Tras un primeiro achegamento coa patronal, o comité puxo encima da mesa o incremento dos seus salarios segundo o IPC real máis 3 puntos durante 2 anos e unha cuarta paga.

Fernández pediu a mediación do Concello de Nigrán neste conflito laboral porque, na súa opinión, ten que facelo tendo en conta que o servizo de limpeza é público, a pesar de estar privatizado.

Comunicado da concesionaria

A empresa concesionaria do servizo de limpieza en Nigrán, Cespa, remitiu esta mañá un comunicado aos medios no que asegura que «mantén a súa postura aberta ao diálogo e a negociación para buscar no menor tempo posible unha saída ao conflito» ponse a disposición das autoridades laborais para retomar a mediación. A empresa considera «totalmente inaceptables as reivindicacións dos representantes dos traballadores, tanto nos seus incrementos salariais, como nas súas melloras sociais».

No referente aos servizos mínimos a empresa aclara que «é unha potestade que ten asignada o Concello de Nigrán por imperativo legal» e que «non están suxeitos a negociación algunha cos representantes sindicais, senón que teñen que acatarse e cumprirse sen ningunha dilación».