Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Comeza a Semana do Libro en Gondomar coa visita do autor de cómics Brais Rodríguez.

Comeza a Semana do Libro en Gondomar coa visita do autor de cómics Brais Rodríguez.

Correo-e Imprimir PDF
casadacultura

A primeira cita da V Semana do Libro e a Lectura (organizada por Espazo Lectura en colaboración coa Concellería de Cultura de Gondomar) terá lugar este martes, 17 de abril, no club de cómic Lecturas Debuxadas. A cita é na biblioteca de Gondomar ás 20:00 horas.

 

Nesta ocasión, o libro que se vai comentar é A man do diaño (Demo editorial) e o seu autor, Brais Rodríguez, estará en Gondomar para falar coas persoas que se queiran achegar á actividade.

O cómic

A man do diaño é una historia feita con sinxeleza e sen complexos, que aborda, con total sentido crítico e mirada de autor, unha cuestión por desgraza natural e innata no ser humano, o conflito bélico.

Unha situación universal que sempre leva a cada personaxe que o sofre a ter que enfrontarse consigo mesmo. A historia dunha guerra máis, nun país calquera, xa que ningún esta libre de que lle toque.

A man do diaño foi Premio Castelao 2010 da Deputación da Coruña.

O autor

Brais Rodríguez (Brión, A Coruña, 1980) estudou Belas Artes en Pontevedra, onde coincidiu con outros debuxantes de cómic como Diego Branco, Roque Romeu, Miguel Porto, Jano, Bernal Prieto ou Alberto Vázquez. Xunto a eles e outros debuxantes galegos, comezou a colaborar en fanzines e entrou a formar parte do colectivo Polaqia.

Os seus cómics foron publicados en fanzines e revistas como Barsowia, Fanzine Enfermo, ARGH!, Dos Veces Breve, Monográfico, Lunático, Buendolor, Usted está aquí, Ragú, Desde el abismo, El Dios Mofeta, Condorito Muerto, La cultura del duodeno o El visitante, que o levaron a cultivar múltiples premios.