Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Urbano Esmerode séntese "marxinado" polo PP de Gondomar e o alcalde Fernando Guitián.

Urbano Esmerode séntese "marxinado" polo PP de Gondomar e o alcalde Fernando Guitián.

Correo-e Imprimir PDF
urbano-esmerode

O alcalde pedáneo de Morgadáns,Urbano Esmerode acusou esta noite ao rexedor Fernando Guitián de estar a "darlle a volta á perdiz" e non achegarse a resolver de xeito definitivo, tal e como tiñan acordado, o ingreso da parte dos impostos que lle corresponden á entidade local dentro dos orzamentos do Concello. Tamén acusou ao rexedor de manter un perfil "soberbio" na súa relación con el e a Entidade, amosada definitivamente na súa actitude de non chamarlle nin por teléfono para avisarlle da súa decisión de denegar a alegación presentada por Morgadáns contra a última modificación de créditos aprobada polo pleno de Gondomar.

Esmerode afirma que decatouse "de oídas" da resolución do pleno municipal da mañá deste martes. Fixo fincapé na súa decisión de manter o contencioso administrativo que a entidade presentou contra o Concello de Gondomar reclamando a devolución do 25% dos impostos recadados polo Concello na parroquia de Morgadáns que lle corresponden por lei, ata que o rexedor non dea mostras claras de dar unha resolución definitiva ao tema. Nese senso, lamentou que a pesar de telo acordado previamente, Guitián non lle consulta nin é convocado para acudir ás xuntas de goberno municipal onde se tratan temas que afectan a Morgadáns.

Ironizou que para o alcalde pedáneo de Morgadáns é máis doado conseguir unha entrevista "co rei que co alcalde de Gondomar", a pesar de pertencer ambos ao Partido Popular. Nesa liña, tamén responsabilizou ao concelleiro de Obras e electo polo PP de Morgadáns, Jesús Salgueiro, de manter a mesma actitude de "afastarlo" dos asuntos concernentes a Morgadáns. Esmerode afirma que non se sente apoiado polo PP de Gondomar, que polo contrario o ten "marxinado" á hora de tomar decisións.

Esmerode informou que mantivo unha conversación co alcalde Guitián e o concelleiro Jesús Salgueiro antes da presentación da alegación. "Díxenlle a Guitián e ao conselleiro de Obras que se non pagaban iamos ter moitos problemas", afirmou. Agora o alcalde pedáneo asegura que si Guitián non quere arranxar o tema "polas boas", seguirá adiante coa loita xudicial e política que leva dende hai 5 anos. "Tiveron tempo suficiente nestes seis meses para arranxalo e non o fixeron".

O principal de Morgadáns dixo que esperará aos primeiros días de 2012 para ver si o alcalde cumpre co pago da débeda. Sinalou que de non ser así, tamén demandará por vía xudicial o pago polo mesmo concepto das contías correspondentes ao exercicio 2011 que xa tiñan que estar pagas a principio deste ano, e non se fixeron aínda.

Segundo afirmou Esmerode a valminor.info, antes das eleccións municipais mantivo conversas co actual alcalde para darlle "prioridade" á resolución definitiva da inclusión no orzamento municipal da porcentaxe que lle corresponde a Morgadáns da recadación dos impostos. Daquela, a proposta de Urbano era pechar un acordo onde deixar establecido, de xeito definitivo, o pago da parte da cota que lle corresponde á Entidade nos orzamentos do Concello. Por contrapartida a Entidade comprometíase a retirar unha demanda xa presentada vía Contencioso Administrativo contra a administración municipal.

Urbano Esmerode afirma que a actitude do actual goberno de Gondomar compromete a situación económica da Entidade de Morgadáns cos seus provedores. Sinala que "non é de recibo que sendo do mesmo partido", ambos os dous responsables de goberno, non teñan a debida comunicación para resolver un problema que xa tiñan acordado dende antes das eleccións municipais.