Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Morgadáns reclama ao Concello de Gondomar "o inmediato cumprimento" no pago dos tributos do 2010.

Morgadáns reclama ao Concello de Gondomar "o inmediato cumprimento" no pago dos tributos do 2010.

Correo-e Imprimir PDF
urbano-esmerode

A Entidade Menor Local de Morgadáns segue con problemas á hora de cobrar o que legalmente lle corresponde dos impostos recadados no seu territorio pola administración municipal de Gondomar. A pesar de tratarse de dúas administracións gobernadas polo PP , o alcalde pedáneo da entidade Urbano Esmerode Domínguez, debeu recorrer como no 2010, a unha vía formal para esixir esta vez ao goberno de Fernando Guitián "o inmediato cumprimento da súa obriga de abono das contías que corresponderían á participación da Entidade Local Menor de Morgadáns nos tributos dese Concello correspondentes ao ano 2010." A través dunha alegación presentada o pasado 13 de decembro, Esmerode recorreu unha modificación de créditos destinada a saldar débedas cos provedores municipais, pero que deixaba a Morgadáns fóra dos pagos a desenvolver antes do remate do ano. A todo isto, un informe do Interventor municipal asinado dos días despois recoñece que "existe crédito adecuado e suficiente" no orzamento do Concello para facer fronte a dito gasto. Pero recomenda desestimar a devandita alegación que afecta directamente a un crédito por máis de 288.000 euros xa aprobado polo pleno municipal de novembro con outros fins.

 

O rexedor Fernando Guitián manifestou ao Faro de Vigo que xa tiña "comprometido" a Esmerode o pago, e afirmou estar desgustado pola forma de proceder do presidente da Entidade Local. Fundamentou a demora no feito de que o Concello estivo sen interventor varios meses e "porque el cálculo de los tributos es lento". Nembargante, no seu escrito, Esmerode afirma haberse decatado polo Boletín Oficial da Provincia do 22 de novembro pasado, que Morgadáns quedaba fóra da lista de beneficiarios que cobrarían da devandita modificación de créditos antes de rematar o ano. O principal da Entidade acusa ao Concello de deixarllo de lado nun crédito que vai satisfacer débedas contraídas con posterioridade polo municipio, mesmo "ata o mes de febreiro de 2011".

No mesmo escrito, Esmerode lembra ao goberno de Guitián que "o retardo no abono de tales cantidades determinaría o devengo de xuros de demora que correspondan". Polo que urxe ao rexedor a desenvolver todas "aquelas actuacións que resulten necesarias para o ingreso do montante" no termo "máis breve posible".

As queixas de Esmerode Domínguez tamén afondan na vella querela que mantén con Gondomar dende o goberno do tamén popular Martín Urgal. De feito aínda en trámite ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia atópase un reclamo da Entidade para que a administración municipal recoñeza nos seus orzamentos de xeito permanente o crédito que lle corresponde por lei do 25% dos impostos recadados anualmente no seu territorio. Recoñecemento que segue "sen contemplarse nos Orzamentos en vigor nese Concello, a pesar do solicitado", lamenta Esmerode.

O recurso interposto obriga á corporación municipal a resolver o asunto no vindeiro pleno a celebrarse o vindeiro 27 de decembro. A pesar de que o gobernante bipartito PP-CDL conta cos votos necesarios para levantalo, o tema será posto como obxecto de debate por parte da oposición.