Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O pleno extraordinario de Gondomar desestima por maioría a alegación de Urbano Esmerode.

O pleno extraordinario de Gondomar desestima por maioría a alegación de Urbano Esmerode.

Correo-e Imprimir PDF

O pleno extraordinario municipal de Gondomar celebrado esta mañá desestimou a alegación presentada por Urbano Esmerode Domínguez, presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns, á modificación de crédito que por máis de 288 mil euros atenderá débedas cos provedores da administración gondomareña. A entidade local presentou a devandita alegación por mor da débeda que o Concello de Gondomar mantén con Morgadáns pola porcentaxe dos impostos recadados no seu territorio en 2010 pola administración municipal, e da que a parroquia debe percibir legalmente unha cota das mesmas.

 

Segundo un comunicado achegado dende a alcaldía pola tarde, nos "próximos días se hará efectivo el pago del porcentaje de los tributos que le corresponden a la entidad menor y que se hará el esfuerzo necesario para efectuar el pago a los proveedores afectados por el expediente extrajudicial de crédito alegado."

Na mesma xuntanza, a maioría dos concelleiros do bipartito votaron tamén por desestimar unha alegación presentada polo BNG contra a suba de algúns impostos e taxas votadas no pasado mes de outubro. Na mesma os nacionalistas cuestionaban entre outras a oportunidade de elevar o custe por exemplo da taxa da auga ou das licenzas de obras, pola súa pegada nos petos dos veciños. Por outra banda, o Bloque afirmaba que ditos aumentos non tiñan unha repercusión importante na cobertura de ditos servizos, no caso da auga. No caso das licenzas, a pequena cantidade de solicitudes a presentar nestes momentos tampouco facían necesario un crecemento do seu custe.

O fundamento dos concelleiros do goberno para levantar a alegación nacionalista centrouse nunha obriga do contrato coa empresa concesionaria no caso da auga, e de manter o equilibro existente nos servizos municipais no resto dos casos. A alcaldía neste punto, manifestou ser "consciente" do momento económico e nese senso, entende máis apropiado "la subida paulatina de tasas en porcentajes pequeños conforme a la evolución del IPC."