É sabido que as cidades musulmás carecen de espazo urbano público planificado como tal. Nelas, apenas os grandes patios situados tras a porta principal de acceso á medina e o da mesquita maniféstanse decididamente como baleiros con vocación colectiva, todo o demais, a irregular armazón labiríntica que forman unhas rúas de ancho variable, xeometría imposible e continuidade ou saída imprevisible, é case inmediata consecuencia da suma ou acumulación aleatoria dos intersticios entre edificacións. A cidade islámica é unha resposta urbanística ao Corán e, segundo o Corán, toda casa é un santuario. Logo, pódese dicir que a cidade islámica é pura exaltación da intimidade, do non colectivo, do respecto polo ámbito privado. Constrúese de dentro a fóra, do privado ao público; xustamente, todo o contrario á cidade de tradición helenística ou latina; esta non se entende, nin existe, sen a prevalencia da cousa pública, sen espazo urbano trazado, con ou sen plan. Nela o elemento máis común é a rúa e o máis sofisticado, e onde os cidadáns sempre exerceron como tales, a praza. Este tipo de cidade, xunto coa variante anglosaxona á que Chueca Goitia chamou doméstica, é hexemónica en occidente e, loxicamente, o modelo de asentamento urbano que, mesmo con peculiaridades, poboa Galicia.