Fóra as vosas sucias mans do continente africano.
Nos últimos tempos non fago máis do que mirar ovellas. En Figueirido, en Priegue, en Mañufe, en Baredo, en Vincios: ovellas. E il será que agora me fixo máis nelas?, ou é que regresamos a un estadio anterior da sociedade?
Hai meses, nos debates do Consello Sectorial para a elaboración do PXOM de Nigrán suscitouse o tema da agricultura ecolóxica. Discutiamos sobre posibles usos do solo e mais sobre o futuro da economía no concello de Nigrán e no Val Miñor. Casualmente, naqueles días, viña de falar cunha amiga de Borreiros, que rexentou en Gondomar un local que leva o nome dun personaxe de Castelao, quen me alertou sobre iniciativas de esplotación agropecuaria en marcha.
Tamén é lugar común que desde o destape da crise, cada día hai máis xente que volve cultivar as leiras ou cría galiñas ou coellos na súa finca. Podería suceder até que algún chegue a cebar un porco no cuarto de baño pequeno.
Pero, insisto, hoxe o que máis me sorprende é a cantidade de ovellas que vexo. Hainas de catro patas pero tamén as hai, e moitas máis, de a dúas. Claro que a existencia abondosa de ovellas bípidas non é novidade. Imos alá onde nos leven. Estamos contentos co noso espazo vital, sentímonos orgullosos do noso mundo; talvez agora un pouco menos, pero xa as augas volverán ao seu rego, pensamos.
Nós temos boa parte da responsabilidade en todo isto. Pero non toda. Porque as ovellas, sómolas; pero os pegureiros, os pegureiros querían corridos a paus.
Refírome a aquela caste instalada nun sistema tal que parece obrigada a non se saír do guión; a esa xente que decote “vese obrigada” a facer política “de estado”. E así non escaparemos da miseria e iremos dar... á guerra, que foi sempre a mellor alternativa para os tempos de crise.
Ovellas...