A coordinadora comarcal da Marcha Mundial das Mulleres convoca unha concentración de repulsa contra a violencia machista para este luns 30, ás 20:00 horas fronte ao MARCO de Vigo pola morte de María Isabel Pérez (45 anos), veciña de Marín, presuntamente asasinada polo seu compañeiro o pasado xoves 26 de decembro.
A Marcha Mundial das Mulleres pide que "a indignación de toda a sociedade saia á rúa para rexeitar o cruel asasinato de Isabel e denunciar a violencia machista padecida polas mulleres e exercida contra nós polo simple feito de selo"
O Xulgado de garda de Marín decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para o home detido en relación á morte da súa parella que foi achada sen vida na súa casa o pasado xoves. Segundo a versión recollida este domingo polo xornal Faro de Vigo, o detido recoñeceu os feitos ante a Policía Nacional o día sábado mais non o fixo ante o xuíz o pasado domingo.