Domingo, 3 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Os traballadores de Las Mercedes seguen á intemperie á espera do Ministerio de Traballo.

Os traballadores de Las Mercedes seguen á intemperie á espera do Ministerio de Traballo.

Correo-e Imprimir PDF
Grupo de traballadores das Panaderías Las Mercedes na central en Porriño.

A esperada visita dos inspectores do Ministerio de Traballo aos despachos das panaderías Las Mercedes segue sen chegar. Os 25 traballadores desta empresa que pechou os seus locais sen darlle a baixa aos obreiros nin á empresa, seguen obrigados a cumprir o seu horario laboral ás portas dos devanditos despachos, á intemperie. A visita dos funcionarios ministeriais é fundamental para que levanten un acta que libere aos obreiros de manter esta garda sen sentido pero legalmente obrigatoria se non queren que a unha eventual apertura da empresa os notifique como "incumprindo as súas obrigas" contractuais.

A situación leva máis de 72 horas pero os funcionarios do Estado non dan chegado a ningún dos locais. Las Mercedes estaban establecidas dende hai anos en Porriño, Nigrán, A Ramallosa e Baiona, todas elas agora pechadas e coas fechaduras cambiadas para impedir o ingreso dos traballadores.

Os representantes sindicais tamén manifestaron que a empresa segue sen dar a cara, nin remitirlles a documentación que de proba dun suposto ERE por peche patronal, anunciado verbalmente o pasado luns.

A empresa mantiña unha débeda de seis meses nos salarios dos traballadores da que se comprometeu a pagar a metade logo das Pascuas. Promesa que deu por escrito e a condición de que o sindicato desmantelara unha folga anunciada para esas datas. Os traballadores aceptaron a proposta patronal e non fixeron folga. A promesa de Las Mercedes nunca se cumpriu e os traballadores foron a folga dende o pasado xoves 9 ata a madrugada lo luns 14. Cando a primeira quenda de mestres panadeiros quixo ingresar á central en Porriño na madrugada do martes, atopou o local pechado. O mesmo ocorreu nas distintas sucursais da panadería en Porriño e o Val Miñor. Dende entón os 25 obreiros cumpren os seus horarios laborais a carón das portas de ingreso aos locais.