Mércores, 13 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Escolares de Nigrán participarán na XII Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa en Vigo.

Escolares de Nigrán participarán na XII Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa en Vigo.

Correo-e Imprimir PDF
mostra oralidade

O evento terá lugar este martes 25 de novembro ás 11:30 horas no Auditorio AFUNDACION (Marqués de Valladares s/n, Vigo). A esta actividade, organizada por Ponte ... nas ondas! asistirán centros educativos de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço, Salvaterra de Miño, Nigrán e Vigo. A Mostra da Oralidade é un evento que reúne as voces do patrimonio inmaterial galego-portugués concibido para transmitir ás novas xeracións as expresións contemporáneas desta cultura común. Nela xúntanse as persoas portadoras das manifestacións da cultura tradicional con artistas que basean o seu traballo creativo na oralidade.


Re-transmitir o patrimonio
Ponte...nas ondas! vén realizando ao longo de dúas décadas un labor de difusión e transmisión deste patrimonio común mediante diversas actividades como a xornada da comunicación interescolar que ten na retransmisión radiofónica o seu principal medio de levar ás aulas estas expresións orais.
Esta XII edición da Mostra da Oralidade é un evento dirixido aos máis novos para que teñan a oportunidade de escoltar baixo diferentes voces as palabras do seu patrimonio común. A narración oral, os cantos, as danzas, a música, os xogos de lingua e o teatro popular son algúns dos contidos que grupos galegos e portugueses desenvolverán no auditorio Afundación de Vigo.
O compositor e intérprete Xoán Curiel será o encargado de realizar un percorrido pola voces da lusofonía e achegará contos e cancións de diferentes países que comparten este patrimonio común.
O músico e actor galego Paco Nogueiras centrará a súa intervención nas celebracións anuais ( Entroido, San Xoán, Romarías, Samaín, Nadal ) e nos xogos populares interpretando cancións cunha ampla variedade de ritmos.
A Associaçao Cultural Fértil, de Povoa de Varzim, realizará unha teatralización de diversas historias e contos tradicionais portugueses. Fértil está especializada no traballo educativo, artístico e antropológico.
O grupo Migallas, un dos veteranos na expresión oral en galego, interpretarán temas con xogos de lingua e contarán relatos e adiviñas da cultura tradicional común.