A edición e a produción son do propio coro Cantares do Brión. Eles encargáronse da gravación, fixeron o seguimento da edición musical, traballaron no deseño e decidiron a localización para as fotos do libro que acompaña o disco. Por último tamén encargaron a fabricación. Para a gravación contouse con Panta Sónica, un estudio de Vigo, que se desprazou a Vincios e onde nos seus estudos traballouse a edición. A promoción e distribución son de Inquedanzas Sonoras. Grazas a esta autoprodución, pódese gozar de Arruídos, o álbum CD que recolle 16 temas que afondan no mellor da tradición coral do país así como de novas creacións xurdidas na breve pero intensa vida desta agrupación nada a finais de 2008.
No libro que acompaña o CD atópanse presentacións de dous músicos de luxo: Mª Xosé Silvar "Sés" e Antonio Raposo Vidal, corista en Cántigas da Terra e gaiteiro no grupo Os Melidaos. O libreto de Arruídos está deseñado por David Rodríguez, con fotografías de Eduardo Irago. Para a concreción da produción contouse coa colaboración da Concellería de Cultura de Gondomar e tamén da Comunidade de Montes de Vincios, esta última no seu capítulo de defensa e protección da Serra do Galiñeiro.
Por que Arruídos?
No Monte dos Arruídos, da Serra do Galiñeiro, está situada a Touba do Brión. Da lenda que se localiza neste lugar toma o nome o coro Cantares do Brión. “Hai máis cousas sobre o nome, pero iso queda para ser falado nas presentacións que fagamos”, sinalan dende o coro.
Presentación oficial do disco
A presentación central do disco será na Alameda de Gondomar o día 1 de agosto.
16 razóns para escoitar Arruídos.
1. EU NON SEI O QUE ME DECHES
Foliada. (Do repertorio de Toxos e Froles, Ferrol.)
Esta peza abre o disco como homenaxe ao Real Coro Toxos e Froles, decano dos coros históricos, que cumpre os cen anos en 2015.
2. PANDEIRADA DE SÁRDOMA
Tradicional da parroquia de Sárdoma, Vigo. (Versión inspirada na que fixeran Anamoura no seu traballo A Chave do Cerne.)
3. TRÍADAS DO VENTO NO MAR
Letra: Sementeira do Vento, Valentín Paz-Andrade
Música: Luís Correa Piñeiro
Arranxos para coro: Pablo Rial Salgueiro
Creada con motivo de dedicárselle a Valentín Paz-Andrade o Día das Letras Galegas 2012.
4. CAMIÑO DE OURENSE
Alalá
Letra: Manolo Pipas
Música: Luís Correa Piñeiro
Esta peza figura no primeiro disco de Os Carunchos, ¡Ala, que vai! (1998)
5. NA TOUBA DO BRIÓN
Coplas recollidas a Rosalía Hermida Pérez, natural de Xián, Vincios.
Música: Luís Correa Piñeiro
A Touba do Brión sitúase no monte dos Arruídos, na Serra do Galiñeiro. Dunha lenda localizada nese lugar toma o seu nome o Coro Tradicional Cantares do Brión.
6. HAS DE CANTAR...
Letra: Cantares gallegos, Rosalía de Castro
Música: Pablo Rial Salgueiro
Composta en 2013, ao se cumpriren os 150 anos da publicación de Cantares gallegos. Por decisión do autor da música e do propio coro, a partitura é de libre disposición.
7. PASODOBRE DE SÍSAMO
Tradicional de Sísamo, parroquia de Carballo de Bergantiños.
Arranxos para coro de Félix Rodríguez, subdirector de Cantares do Brión entre os anos 2011 e 2013.
8. O CARRO
Letra: Manuel María
Música: Baldomero Iglesias “Mero”. / Arranxos para coro: Paco Barreiro
9. CANTO POPULAR
(Do Cancioneiro Galego de Martínez Torner e Bal y Gay)
Arranxos para coro: Pablo Rial Salgueiro
10. FOLIADA DE CERDEDO
Tradicional. (Do repertorio de Cántigas da Terra, A Coruña)
11. ALALÁ Nº 3
(Do repertorio de Aires d´a Terra, agrupación nacida en Pontevedra a finais do século XIX da man de Perfecto Feijoo. É considerado como o primeiro coro galego.)
12. FOLIADA DE VIVEIRO
Tradicional. (Do repertorio da Coral De Ruada, Ourense)
13. PANDEIRETADA DE RENDAL
Letra: Popular.
Música: Bernardo del Río
(Do repertorio de Cantigas e Agarimos, Santiago de Compostela.)
14. FOLIADA DE VINCIOS
Letra e música: Luís Correa Piñeiro
Na parroquia miñorana de Vincios, no seu Centro Cultural, ten a sede social o Coro Tradicional Cantares do Brión.
15. CASTO SAMPEDRO
Letra e música do Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro e Folgar
Arranxos para coro: Pablo Rial Salgueiro
Estas tres pezas encadeadas preparáronse en homenaxe a Casto Sampedro, en 2012, ao se cumpriren os 75 anos do seu falecemento.
OS PINOS. Himno galego
Letra: Eduardo Pondal
Música: Pascual Veiga
Estreado na Habana o 20 de decembro de 1907. A letra é a establecida na Lei de Símbolos de Galicia (1984)