Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Entrevista ao Coro Tradicional Cantares do Brión.

Entrevista ao Coro Tradicional Cantares do Brión.

Correo-e Imprimir PDF

Logo do ensaio dominical, Xosé Manuel García Crego, presidente da agrupación Coro Tradicional Cantares do Brión, e Pablo Rial Salgueiro seu director artístico, conversaron con Valminor.info sobre os orixes do grupo e seus proxectos futuros.

-Como nace o Coro Tradicional Cantares do Brión?

Pablo Rial: A idea xorde dun grupo de alumnos de música da parroquia de Vincios. Alumnos de gaitas, percusión, e outros instrumentos que viron que facía falta cantar, que apetecía cantar. A inquietude dese grupo foi acollida por outra xente, non só de Vincios, que se foron achegando.

Xosé Manuel García Crego: O coro logo formalizouse nunha asemblea en marzo deste ano, que creou un regulamento interno, unha comisión do coro e designou a Pablo como director. A partir dese momento puidéronse asinar convenios de colaboración, administrativos, financeiros e de actuacións.

- Por que a identificación cos coros tradicionais de Galicia?

P.R.: Os coros galegos do principio do século XX naceron nunha situación onde o galego tiña que afirmarse. Tamén agora hai un movemento en toda Galicia de reafirmación da cultura, de traer aos nosos días a tradición.

XMCG: É interesante expresar que en todo o territorio das Rías Baixas nunca existiu un coro tradicional, si en Santiago, A Coruña, O Ferrol e Ourense. Aquí hai moitos coros pero ningún coa identidade de coro tradicional, con esta cantidade de xente (máis de 60 persoas), e a decisión e perspectiva de futuro.

P.R.: Os demais coros tradicionais nos empezan a definir como "o coro de Pontevedra", como dicindo que en Pontevedra non había ningún coro de este estilo.

-Contan no repertorio con algunha peza miñorana?

P.R.: Temos a sorte de contar con compositores que están creando para incluír no repertorio ademais das cancións tradicionais e populares, pezas novas, de propia factura. É o caso de "Foliada de Vincios", feita por Luis Correa, músico e membro do coro.

-Desenvolven todas as actividades en lingua galega, por que?

XMGC: Porque é a nosa! (risas). Penso que nesa materia non hai moito que explicar... tampouco darlle moitas voltas, o galego é a nosa lingua e hai que conservala.

P.R.: Non tería que ser necesario andar redundando sempre no mesmo, pero lamentablemente hai que facelo. En todas as actividades pero nesta especialmente es necesario que o galego teña un plus. Ademais, facer música tradicional galega ten que ser loxicamente en galego.

-O compromiso coa identidade tamén chega aos traxes...

XMGC: A vestimenta do coro foi deseñada e confeccionada polas costureiras do grupo. Compañeiras que tamén participan do movemento galego do traxe tradicional.

P.R.: Hai que destacar ademais do traballo o fermoso colorido dos mesmos, que o público poderá apreciar a partir da estrea do próximo 21 de novembro, no Centro Cultural Caixanova, de Vigo.