Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura "Non, non nos entenden, non". Gondomar no Día das Letras Galegas.

"Non, non nos entenden, non". Gondomar no Día das Letras Galegas.

Correo-e Imprimir PDF
coro-breogan-l-tobio

Mais, sos os ignorantes,

E férridos e duros,

Imbéciles e escuros

Non nos entenden, non.

Din que os ecos das verbas de Valentín aínda retumban por todo o Val. Que a interpretación do himno de Pondal e Veiga feita por Cantares do Brión aínda estremece aos paisanos por tódolos recunchos do país. Din as fontes, que O Galiñeiro e A Groba, emocionados, se encargaron de espallar o seus ecos pola patria en diante. O concello de Gondomar latexou co Día das Letras Galegas. E a taquicardia foi tan grande que diáspora miñorana polo mundo sen dúbida sentiu a aperta que os irmáns da terra nai estábanlle a dar.

A xornada comezou ao mediodía, cunha interpretación de pezas do país a cargo da Agrupación Musical de Vincios, nun espectáculo público na Praza da Paradela. Pola tarde, a Asociación de Mulleres Rurais de Gondomar, e a Concellaría de Deportes trocaron o centro da vila, nomeadamente o Paseo Carlos Casares e o Parque da Coelleria, nun espazo de xogos tradicionais que gozaron centos de cativos, mozos e maiores.

Na tardiña no Auditorio Municipal púxoselle broche final á conmemoración coa lectura de poemas de Valentín Paz Andrade por parte dos empresarios do Val Miñor e unha actuación maxistral do Coro Tradicional Cantares do Brión. Un acto que partiu dunha idea laboriosamente artellada durante meses polo mestre Miguel Anxo Mouriño, e contou coa organización do Instituto de Estudos Miñoranos e a colaboración da Asociación de Empresarios do Val Miñor, a local ACHEGO e a Concellaría de Cultura de Gondomar.

Din as fontes, que O Galiñeiro e A Groba falaron có Miñor. Que este, empurrou as súas augas para avisarlle a Zamáns e Morgadáns que cumpríanse medio século daquel día que se oficializou a idea do seu fillo Paco del Riego, para atopar unha fenda no medio daquela "longa noite de pedra", para reivindicar a lingua clandestina. A que só podíase falar máis non ensinar nas escolas. O Mare Tenebrosum, que teimudo non perde o seu vencello coa bisbarra tamén recibiu a mensaxe. Aínda está a cantar...

"Do teu verdor cinguido

e de benignos astros

confín dos verdes castros

e valeroso chan,

non des a esquecemento

da inxuria o rudo encono;

esperta do teu sono

fogar de Breogán."