Luns, 26 Feb. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O historiador e Presidente do Consello da Cultura RAMÓN VILLARES clausura as Tertulias do IEM

O historiador e Presidente do Consello da Cultura RAMÓN VILLARES clausura as Tertulias do IEM

Correo-e Imprimir PDF

Hoxe venres 6 de xuño, terá lugar no Pazo da Escola de Mañufe-Gondomar ás 20:30 h. a última das TERTULIAS DO IEM deste curso 2007/08. Para poñer o ramo aos faladoiros deste curso estará con nós o historiador e Presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares.

Ramón Villares Paz naceu en Vilalba en 1951. É catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e é membro electo do Pleno do Consello da Cultura Galega desde 2003, ano no que comezou a dirixir o seu Arquivo da Emigración Galega e a Sección de Cultura Galega no Exterior e en abril de 2006 foi elixido presidente do Consello da Cultura Galega.



Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, rector da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994 e membro fundador e presidente da Asociación española de Historia Contemporánea (1996-2002). Foi tamén director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo

É autor de máis de setenta publicacións, entre as que destacan libros como “La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936”, “Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia”, “Figuras da nación” e El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, Editorial Taurus, Madrid, 2001 (en colaboración) entre outros, ademais da reeditada en varias ocasións “Galicia. A Historia” (con versión en lingua española e portuguesa).

Dirixiu dezaseis Teses de doutoramento e vinte Memorias de Licenciatura, ademais de ter sido tamén Investigador Principal de cinco Proxectos de Investigación (CYCIT e Xunta de Galicia), así como de varios Convenios de Asistencia Técnica. Realizou estadías de investigación na Universidade de Bologna (Italia) e no centro “Alcide Cervi” de Roma, ademais de ser Profesor convidado na Ecole de Hautes Etudes (París) e no Instituto de Ciencias Sociais (Lisboa). Forma parte do Consello Editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia e pertence ao consello asesor de revistas como Ayer (M.Pons Ediciones de Historia), Historia Social (Valencia), Hispania (Madrid), Ler Historia (Lisboa) ou Perspectivas Históricas (México).

O noso convidado será presentado por Carlos Méixome, director do IEM.

Ao remate do acto aberto ao público e como é costume haberá unha cea co noso convidado, no mesmo Pazo da Escola, á que se pode asistir previa reserva no680 644 490 ou ben no enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo .