Co nome de "Festa da Terceira Idade" ou "dos Maiores" e cun custe de 15.200 euros detraído das partidas de Benestar Social, celebrouse este mércores esta velada relixioso – social organizada polo concello de Baiona onde figuran empadroados 2.139 persoas maiores de 65 anos, mais de esta "papatoria" só se benefician 600 persoas.
Popularmente os veciños a chaman a festa "dos vellos" ou "do Chicho", polo alcalde que a organizou por primeira vez hai máis dunha década e media. A súa estrutura pre-democrática, con oficio relixioso como punto de partida, mantense inmodificable a pesar dos novos tempos.
Os partidarios de manter esta actividade, sinalan o carácter socializador da mesma , na que veciños de distintas parroquias poden reencontrarse. Engaden o feito que se teña convertida nunha velada tradicional de homenaxe aos máis maiores do municipio. Sen embargo, algúns representantes veciñais consideran que o modelo non é apropiado para os tempos que corren así como o seu custe. "Cando hai problemas para entregarlles medicamentos, transportalos dende as parroquias ao centro de saúde, parece fóra de lugar destinar esa cantidade a un día de festa", sinalan.
Para Rafael Lores, secretario xeral do PSOE baionés, a homenaxe debe manterse, máis revisando os contidos. Cree na liberdade de credos mais entende que un ente público non debe estar auspiciando ningún oficio o confesión relixiosa en particular. Afirma non ter coñecemento do procedemento utilizado nesta ocasión pola alcaldía para elixir os beneficiarios. Consultado, non ve na xuntanza un aproveitamento partidario por parte do PP, pero insiste que é unha actividade que debe ser revisada. Admite que cando o PSOE gobernou no bipartito local, a festa celebrouse nas mesmas condicións.
Iago Pereira, concelleiro do BNG, achega a información que segundo as contas municipais esta festa implica gastar en menos de vintecatro horas, 15.200 euros das partidas destinadas a Benestar Social. Un importe que debe analizarse no contexto dunhas contas que o ano pasado dedicaron a emerxencia social 5 mil euros de fondos propios e 8 mil achegados dende a Deputación. Os nacionalistas, que a consideran un acto "caciquil" e de "inserción relixiosa", levan tres anos sen participar. Decisión adoptada por Iago Pereira e o seu grupo trala renuncia do anterior edil nacionalista Xosé Enrique Fernández, que admiten, participaba nas mesmas. No 2014, o BNG Baiona presentou unha iniciativa para reorientar o custe da festa a políticas sociais de emerxencia. Iniciativa que foi denegada polo PP.
"A homenaxe aos maiores hai que facela todo o ano", responde Silvano Montes, recentemente elixido edil por EU -AON. Na mesma liña que os outros voceiros consultados, advirte da necesidade de reestruturar os contidos do evento. Entende Montes que sempre pódese desenvolver eventos de recoñecemento, mais deben estar supeditados á realidade social e económica do concello. "Hai maiores que non poden baixar ao centro de saúde", denuncia. Advirte que o municipio sufre graves insuficiencias en asistencia social á terceira idade, polo que non ve lóxica algunha neste tipo de celebración, que nin sequera beneficia á maioría dos maiores de Baiona.
A todo isto, a actividade comezou ao mediodía con oficio dunha misa na ex colexiata de Baiona e o posterior desprazamento a un establecemento hostelerio de Baredo onde tivo lugar unha comida e o posterior baile.