Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona A Deputación fornece con 60.500€ o futuro campo de golf de Baredo e con 8 mil as emerxencias sociais de Baiona.

A Deputación fornece con 60.500€ o futuro campo de golf de Baredo e con 8 mil as emerxencias sociais de Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
golf-tourism

Ambas as dúas achegas provinciais foron anunciadas esta semana e amosan unha disparidade importante na coantía. Mentres a redacción do "Plan Especial de dotación de infraestruturas As Costeiras" que beneficiará o proxecto do campo de golf en Baredo percibirá 60.500 euros para a súa consecución, os servizos sociais do municipio contarán con tan só unha colaboración de 8.000, provenintes do programa "Axudas Básicas de Emerxencias", da administración provicial.

O lobby dos pobres.
En Baiona hai máis de 1.100 veciños desempregados segundo o último infome oficial. Aos que se suman un número indeterminado de persoas e familias que están a recibir asitencia de diversas ONGs porque as súas pensións ou ingresos non chegan para cubrir as necesidades básicas. Neste contexto, con eses 8 mil euros concedidos, os Servizos Sociais de Baiona deberán facer fronte, entre outras, ás demandas dos veciños máis desfavorecidos en materia de medicamentos, débedas de aluger e desfiuzamentos; comida, e demais artigos e demandas de primeira necesidade. Monto que en todo caso poderá ser ampliado por unha partida de 5 mil euros máis que o Concello sinala ter reservados nos orzamentos.
O outro lobby
En 2008 a Dirección Xeral de Urbanismo opoñíase frontalmente á creación do campo de golf de Baredo. Nun escrito remitido ao Concello consideraba "sen xustificación" as infraestruturas debuxadas entre a autopista e o monte, destinados á instalación e consideraba a AG-57 como límite da expansión urbana da parroquia. Pero daquela o goberno autonómico aínda estaba en mans do bipartito PSOE-BNG.

Nese mesmo ano, o presidente da deputación Rafael Louzán (PP), defendía a necesidade do campo de golf en Baiona para aumentar o turismo . Posición que foi reiterada en diversas ocasións polas autoridades populares de Baiona en diversos ámbitos e que materializaba cunha reserva de 700 mil metros cadrados de chan rústico no lugar de O Cabreio (Baredo) no recentemente aprobado PXOM. Reserva que sería complementada cun futuro plan de dotación de infraestruturas que abriría o paso á desexada construcción deportiva e turística.

A maiores, a edil socialista Isabel Domínguez, revelaba a este medio días antes da aprobación do PXOM que o equipo redactor descoñecía que Baredo, a parroquia máis afectada por novas infraestruturas e zonas urbanizables, carece de abastecemento municipal de auga. E que o único estudo de augas que sustenta o desenvolvemento dun campo de golf e catro zonas de nova urbanización nesa parroquia é un informe da empresa Espina e Delfín. Unha empresa privada con intereses no concello por ser a concesionaria municipal do servizo. E por riba que non atende á zona por contar con traídas comunais, e por tanto non contén no seu informe os consumos reais da parroquia baionesa.

Aprobación da axuda da deputación.
Neste marco, este sábado a xunta de goberno da Deputación aprobou os 65.000 euros a tal fin. Con eles farase a redacción do "Plan Especial de dotación de infraestruturas As Costeiras". A Deputación xustifica o desembolso no entendido que as devanditas infraestrutruas, entre as que se atoparía un campo de golf, beneficiarán a oferta turística e deportiva de Baiona. Así como a "creación de postos de traballo ao tempo que servirán de acicate e revitalización do turismo e do desenvolvemento económico da comarca", segundo comunicado emitido na xornada.