Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Nacionalistas piden explicacións á Xunta polo impacto ambiental e económico do campo de golf en Baredo.

Nacionalistas piden explicacións á Xunta polo impacto ambiental e económico do campo de golf en Baredo.

Correo-e Imprimir PDF
Chelo-Martinez

"Xusto foron a escoller a proposta de 'lecer' máis agresiva co medio, máis elitista e de dubidosa xeración de beneficios para a economía local", denuncia a deputada Consuelo Martínez García (CERNA) nunha enquisa presentada ante a mesa do parlamento galego. Salienta que "a idea de promover o turismo como 'monocultivo' inzando Galiza de campos de golf, ademais de obsoleta, é absolutamente ineficaz para os supostos fins pretendidos e insustentable na súa xestión e mantemento". Engade que existen multitude de estudos e de informes de organismos internacionais, ambientalistas, universidades, etc, que así o certifican.


O Plan Especial de "As Costeiras"
A deputada Consuelo Martínez García, pertencente ao Grupo Parlamentar Mixto, lembra que o Concello de Baiona vén de facer público o anuncio da preselección de varias empresas co obxecto de redactar o proxecto que desenvolverá o Plan Especial de As Costeiras recollido no PXOM do devandito concello como un espazo para o uso deportivo e de lecer. Trátase dunha reserva de solo de 700.000 m2 sita na parroquia de Baredo lindando coa de Baiña, e a carón da estrada que vai ao Rosal entre Chan da Lagoa e o monte do Cortelliño (na Serra da Groba), uns terreos que na súa maioría teñen a condición de monte veciñal en man común.
Advirte que segundo a explicación que figura na documentación das bases de execución que serviron de base para a citada preselección, "O Plan Especial As Costeiras ten por obxecto unha área deportiva extensiva compatible cos valores naturais do ámbito ordenado e, en concreto, promóvese a execución dun campo de golf de 18 buracos complementado con piscinas, hípica, pistas de tenis, centro social e recinto destinado a curro".
Desconfianza veciñal.
Salienta que a desconfianza da veciñanza das parroquias afectadas e das propias Comunidades de Montes, que xa no seu día denunciaran "a ambigüidade calculada de semellante previsión no PXOM, agora queda ás claras coa proposta dun campo de golf. Xusto foron a escoller a proposta de 'lecer' máis agresiva co medio, máis elitista e de dubidosa xeración de beneficios para a economía local", denuncia Martínez no escrito.
Impacto ambiental
No informe lembra que os campos de golf requiren "cantidades inxentes de auga para se manter 'verdes e vizos' todo o ano á vista das potenciais persoas usuarias, e o Val Miñor é deficitario. Deste ben escaso, é especialmente grave a situación de Baiona que depende da auga que lle subministra Vigo, sobre todo no verán".
Engade que son altamente contaminantes "polas toneladas de pesticidas, herbicidas, minerais, etc que precisan diariamente para o seu mantemento. Pola situación que pretenden (na parte alta do monte, onde están os mananciais de auga), o envelenamento da rede hidrográfica está garantido".
Negocio privado e elitista
Denuncia que trátase de "negocios privados e moi elitistas, incompatibles co xeito de vida do rural galego". E advirte que "Detrás dun campo de golf sempre hai agochada unha macro-urbanización para facer rendible a súa construción e o posterior negocio (o verdadeiro negocio)".
Monte comunal expropiado?
Co xeito de acadar maior información dos planes municipais e fundamentalmente do que pensa facer o goberno autonómico, a deputada achegou esta preguntas:
1º .- Pensan as consellarías de Medio Rural ou de Medio Ambiente tramitar a expropiación dos terreos para a construción do devandito campo de golf, que como se dixo son monte veciñal en man común, no caso que os comuneiros se opoñan á construción do mesmo ?
2º .- Os informes preceptivos e vinculantes que a Xunta vai ter que emitir ao respecto terán en conta a fraxilidade ecolóxica e a importancia medioambiental da zona?
3º .- Ten a Xunta de Galicia deseñado un plan alternativo para resolver definitivamente o subministro de auga potable ao concello de Baiona?
4º .- De existir dito plan alternativo, contémplase no mesmo o consumo de auga derivado da construción dun campo de golf no concello?
5º .- Que beneficios aportaron ás localidades afectadas os campos de golf que están hoxe en funcionamento na Galiza?