Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor José Blanco: “O PSOE está en condicións de gañar estas eleccións”

José Blanco: “O PSOE está en condicións de gañar estas eleccións”

Correo-e Imprimir PDF
joseblanco

José Blanco é contundente nas súas respostas. Está convencido de que o PSOE pode gañar estas eleccións. Por iso promete ser a voz dos galegos no Parlamento Europeo para defender os intereses de Galicia e mellorar a súa situación económica. Para iso ofrece o que leva ofrecendo desde que comezou en política; "compromiso e traballo".

«O Partido Socialista está en condicións de gañar as eleccións se se mobilizan todos os cidadáns que están descontentos coa dinámica emanada de Europa desta austeridade extrema». É a principal convición de José Blanco, ex ministro de Fomento e número dous do goberno de Zapatero.

 Preséntase a estas eleccións europeas como representante galego e para «loitar» polos intereses do país en Bruxelas. Así, anuncia que impulsará a inversión dos fondos comunitarios en proxectos que melloren a posición competitiva de Galicia en materia de innovación e I+D, renegociará a Política Agraria Común e tentará acadar mellores cotas leiteiras e pesqueiras así como carga de traballo no naval.

 E lembra que xa ten experiencia de conseguir moitas cousas para Galicia desde o Ministerio de Fomento. “Comigo fíxose o maior investimento realizado nunca nas infraestruturas galegas”, lembra. E ademais non dubida en atesourar o que xa poucos socialistas queren atesourar, o legado de Zapatero. “A xente sae á rúa a defender as políticas levadas a cabo polo Goberno de Zapatero. É máis, Zapatero evitou que España caera en mans dos homes de negro”, suliña.

 Blanco tamén ten palabras de apoio e alento para José Ramón Besteiro. “Está a presentar alternativas aos grandes problemas que ten o país, como o desemprego ou o problema demográfico, e a configurar a alternativa de goberno que a sociedade reclama”, indica.

 Estamos xa na recta final, e nesta campaña parece que se fala de todo menos de Europa, ¿cal é o teu proxecto para o PE?

Poida que outros partidos non estean a falar de Europa. Desde logo non é o caso do Partido Socialista. Nesta campaña non fixemos outra cousa, desde as propostas en materia de emprego para combater o paro xuvenil –coa inxección de 21.000 millóns de euros para triplicar o programa de Garantia Xuvenil- ata as medidas para facilitar crédito ás PEMES mediante unha inxección de 10.000 millóns de euros no Banco Europeo de Investimentos ou a aposta por unha nova axenda industrial que eleve o peso da industria de base manufactureira en Europa, pasando pola reformulación das axudas da Política Agraria Común ou da Política Común de Pesca.

 Desde logo, se de algo non nos poden acusar é de non ter falado de Europa e da Europa que necesitamos: unha Europa que recupere a súa alma social, fronte unha Europa de carácter mercantilista e afastada dos cidadáns que é a deriva á que someteu a Europa unha década de hexemonía conservadora nas institucións comunitarias

 Entón supoño que traballarás algo máis do que Millán Mon no PE?

Do traballo de Millán Mon debe responder Millán Mon e o Partido Popular. Se ese é o nivel de implicación que esixe o PP, os cidadáns deberán tomar nota e obrar en consecuencia.

 Pola miña banda, se algo me caracteriza en cada lugar que estiven son dúas cousas: compromiso e traballo. Sempre foi así e así vai ser na nova andaina: compromiso co país e traballo para sacar adiante os intereses de Galicia en Europa.

 E defenderás os intereses galegos en Bruxelas?

Para iso me presento, para defender os intereses de Galicia en Europa e para influir desde Galicia nas decisións que Europa tome. Así o fixen sempre e así o avala o feito de que cando tiven responsabilidades de goberno me volquei coa inversión en Galicia no meu ámbito de responsabilidade no Ministerio de Fomento.

 Tamén foi o que plantexei desde o primeiro minuto desta campaña convidando ás restantes forzas que se presentan ás eleccions a configurar un lobby a prol dos intereses galegos en Bruxelas. Conte ou non co apoio das demais forzas, o meu traballo vai ser incansable na defensa dos nosos sectores produtivos

 Dígocho porque hai outros grupos que din que Antolín andaba a remolque no que a defensa dos intereses galegos respecta?

Podes confrontar o traballo realizado por Antolín Sánchez Presedo en defensa de Galicia no Parlamento Europeo co realizado polos demais deputados galegos en Europa, non hai punto de comparación.

 Antolín estivo á vangarda na defensa dos intereses de Galicia. Non sei quen pode dicir o contrario porque é sinxelamente mentira. Non hai máis que botar unha ollada na web do Parlamento á actividade dos eurodiputados galegos. Non só nas cuestións coxunturais, senón tamén nas de fondo: unha das directivas máis importantes desta lexislatura, a da regulación do mercado hipotecario europeo, leva a súa sinatura. E como resposable da política de competencia na Comisión de Economía, estivo sempre na busca de solucións para as grandes cuestións que se plantexaron en Galicia: tax lease, preferentes, pensións dos emigrantes, Navantia...  Foi tamén decisivo na reforma da política común de pesca, na que foi quen mais enmendas plantexou de toda a Eurocámara.

 Outros fixeron moi pouco e déronlle moita publicidade, pero o traballo de fondo e os resultados duns e doutros son facilmente verificables por quen queira. Foi un deputado exemplar e en todos os rankings de actividade aparece entre os 10 primeiros de todo o Parlamento. Eu espero darlle continuidade ao seu labor co mesmo grao de éxito.

 E cales son eses intereses para o PSdeG?

Para o PSdeG e para Galicia. Manter o nivel de solidariedade de Europa con Galicia e impulsar a inversión dos fondos comunitarios en proxectos que melloren a posición competitiva de Galicia en materia de innovación e I+D. Renegociar a Política Agraria Común tanto en Europa como en España, onde se fixo un reparto lesivo para os intereses dos agricultores e gandeiros galegos, que van perder un mínimo de 140 millóns de euros por culpa do reparto decidido por Arias Cañete coa aquiescencia da Xunta. Aprobar mecanismos de compensación e axudas específicas ás zonas lácteas para afrontar a desaparición das cotas lácteas. Investir os recursos do novo FEMP para que o sector pesqueiro galego se convirta en fonte de crecemento e emprego, mellorar as condicións de seguridade e promover proxectos innovadores e de modernización da flota. Traballar para conseguir un reparto xusto das cotas pesqueiras, baixo o principio do máximo rendemento sustentable. Velar para que no Tratado de Libre Comercio que se está a negociar con Tailandia as conservas de atún sexan un producto sensible, excluido de concesións arancelarias e sometido a cláusulas de salvagarda. Tamén debemos dar a batalla para erradicar a fraude no etiquetado do mexillón. E defenderemos que o novo FEMP poida financiar  paralizacións temporais e definitivas.

 Por outra banda, e como dicía antes, imos traballar por unha nova axenda industrial europea que eleve  peso porcentual da industria de base manufactureira, impulsar o novo tax lease para que os nosos estaleiros compitan en igualdade de condicións. E imos loitar  polo desenvolvemento das redes transeuropeas de transporte, dado que no seu desenvolvemento se xoga boa parte do futuro que Galicia pode aspirar a protagonizar como plataforma loxística de mercadorías con América.

 E, por suposto, imos estar enriba das políticas de incentivación do emprego, especialmente de emprego xuvenil, para combater a lacra do paro no país. Aínda que se queira ocultar, desde que goberna Feijóo, Galicia é a peor comunidade en evolución do emprego. A peor.

 Como dicía, en campaña tamén se falou moito do AVE, do accidente do Alvia, de autovías... Pesa moito iso de ser ex ministro?

Durante o meu mandato á fronte do Ministerio de Fomento fíxose o maior investimento realizado nunca nas infraestruturas galegas. Se de algo son responsable é de desbloquear e blindar a construción do AVE a Galicia e de ter invertido como nunca antes para facer avanzar a súa construción. Non me vou arrepentir de ter investido 8.200 millóns de euros nas infraestruturas galegas baixo o Goberno socialista, 4.000 baixo o meu mandato como ministro.

 Algo pesou porque mesmo tivo incidentes cos xornalistas en Ourense?

En absoluto. O que houbo foi un malentendido en Ourense sobre se se convocaran ou non declaracións a medios, que non se convocaran. En todo caso, esa mesma tarde en Vigo contestei todas as preguntas que os xornalistas quixeron facerme, como estou a facer ao longo de toda a campaña. Quen escapa dos medios é Arias Cañete, que esta semana non está a conceder entrevistas nin responder as preguntas dos medios de comunicación para ter que evitar dar explicacións e pedir perdón polas sús declaracións machistas. Por certo, tardou en desculparse, pero nin Feijóo nin Rajoy lle pediron que o fixera nin eles mesmos se desculparon por ese ataque ás mulleres.

 E pensas que o ter pasado polo Goberno Zapatero é unha boa tarxeta de visita?

A memoria ás veces é fráxil. O Goberno de Zapatero foi o Goberno que máis elevou o investimento en bolsas de estudo e en educación, agora rebaixadas. Tamén o que máis investiu en sanidade. Foi o Goberno que aprobou e puxo en marcha a lei de dependencia, agora laminada polo Goberno do PP. Foi o Goberno que realizou a maior suba das pensións, con ganancias de poder adquisitivo do 19% na pensión media e do 27% nas pensións mínimas, que cobran 300.000 galegos. O actual aprobou unha reforma que lles vai facer perder preto dun 20% de poder adquisitivo. O de Zapatero foi tamén o Goberno que equiparou a España con Europa en materia de interrupción voluntaria do embarazo e que aprobou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Cando a xente sae á rúa para deter os recortes, está a defender políticas e servizos públicos erixidos polo Goberno socialista. Desde logo, síntome orgulloso de ter formado parte dese Goberno. O que non acabo de comprender é como algúns que critican aquel gobernó, devecen por entrar no Goberno actual, o Goberno con peor valoración da democracia e co presidente peor valorado.

 Comento isto porque semella que a dereita e algúns medios xa conseguiron que se asocie a ZP como o peor presidente que tivo o Estado. Tan malo foi?

Insisto no anterior: a xente sae á rúa a defender as políticas levadas a cabo polo Goberno de Zapatero. É máis, Zapatero evitou que España caera en mans dos homes de negro como aconteceu con Grecia, Portugal e Irlanda e negouse a aprobar a reforma aboral que a maioría conservadora europea esixía a España. Rajoy acudiu ao rescate bancario, coas consecuencias que todos coñecemos en materia de recortes educativos, sanitarios, en pensións, en dependencia, ou en dereitos laborais, cunha reforma que está a causar un incremento da precariedade sen precedentes. Por certo, o mesmo día que asinou o rescate, Rajoy foise ver un partido da selección española. Ese é o presidente que hoxe temos. Nin Aznar se atreveu a facer o que está facendo Rajoy.

 E que pensas das enquisas que falan de que o PSOE perderá escanos?

Eu sei o que palpo na rúa e no contacto directo a xente o que nos pide é determinación para poñer enriba da mesa solucións posibles, realistas, viables aos seus problemas e a situación dramáticas que vive moita xente. O Partido Socialista está en condicións de gañar as eleccións se se mobilizan todos os cidadáns que están descontentos coa dinámica emanada de Europa desta austeridade extrema que está a asfixiar á cidadanía por medio de recortes sociais e de dereitos  no noso país. As políticas só poden cambiar se cambian as maiorías e o único partido que pode logralo en Europa é o Partido Socialista. Desde logo, confío en que o Partido Socialista vai gañar estas eleccións.

 Como é posible que os socialistas non se aproveiten do desgaste do PP no goberno?

Ás veces semella que non somos conscientes do punto de partida de cadaquén. O PP gañou as xerais de 2011 cun 44% dos votos. Nestas eleccións vai perder máis de 12 ou 14 puntos. Nunca se viu algo así. Por outra banda, o Partido Socialista está inmerso nun proceso de cambio e renovación que terá o seu cumio na celebración das primarias a finais deste ano. E xa lle digo que desas primarias vai sair o próximo presidente ou presidenta do Goberno de España.

 É Valenciano unha boa candidata?

Pregúntello a Miguel Arias Cañete se é ou non é unha boa candidata, tralo vapuleo ao que o someteu no debate cara a cara. Desde logo, Elena Valenciano é unha boa candidata, coñece Europa, ten unha axenda de contactos envexable e, sobre todo, vai defender os intereses da cidadanía en Europa, non os intereses dos grupos aos que representa o Partido Popular.

 Ousexa que iso de debater con mulleres sobraba. Pero semella que non lle vai pasar factura ao PP. Cres que os españois seguen pensando que as mulleres non están preparadas para gobernar?

Non, en absoluto, e hai mostras sobradas de que os españois non fan distingos entre homes e mulleres na política senón entre bos e malos gobernantes. Quen ten un problema coa concepción da muller é a cúpula do Partido Popular. Isto é tan incontestable como que desde que Cañete soltou o seu exabrupto, lonxe de merecer condena, do presidente do seu partido e do Goberno só recibiu eloxios. Un partido que vive de costas á metade da poboación e que ten ese concepto sobre a metade da poboación, é un partido que vive ancorado nas visións reaccionarias do pasado. Desde logo, o que España necesita é abrir un novo tempo de prosperidade, progreso e igualdade de oportunidades, non volver aos tempos de sotanas, tricornios e mantillas.

 E cres que en Galicia, o PSOE manterá os resultados de hai cinco anos?

Polo contacto mantido na rúa coa xente, estou convencido de que o PSdeG vai obter uns bos resultados nestas eleccións, na media do resto de España nun contexto máis difícil, pois xogan máis forzas no campo da esquerda que no resto do Estado.

 Como ves ao partido logo da chegada de Besteiro?

O Partido está nun proceso de renovación de proxecto tras acometer un proceso exemplar de renovación do seu liderado. Besteiro está a presentar alternativas aos grandes problemas que ten o país, como o desemprego ou o problema demográfico, e a configurar a alternativa de goberno que a sociedade reclama.

 Con todo, hai feridas que aínda seguen supurando. Cando sanarán?

O Partido vén dunha sucesión de derrotas electorais que o deixaron mermado. Non obstante, creo que se está a avanzar na reconstrucción orgánica e, se todos remamos na mesma dirección, o Partido Socialista vai ser quen de facer o que a cidadanía lle pide: presentar unha alternativa de goberno seria, solvente e ambiciosa para Galicia.

 As enquisas din que a gran gañadora será a abstención. Un último desexo; que lle dirías a eses miles de cidadáns que queren quedar na casa?

Que a abstención non cambia as políticas e que o único que se logra quedando na casa é que outros decidan por ti. Se transformas a indignación nun voto a favor da alternativa, as cousas poderán cambiar na liña que a ti che gustaría.

Entrevista de Xurxo Salgado, do xornal colaborador Galicia Confidencial