Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Anulan o pleno da Mancomunidade do Val Miñor de abril por impedir ingreso de dous edís da oposición

Anulan o pleno da Mancomunidade do Val Miñor de abril por impedir ingreso de dous edís da oposición

Correo-e Imprimir PDF

A xustiza declara nulo o pleno da Mancomunidade do Val Miñor do pasado 30 de abril por entender que foron violados os dereitos fundamentais de dous concelleiros da oposición aos que a policía impediu ingresar á sesión que se estaba a desenvolver no Concello de Baiona. A medida xudicial abrangue a nulidade dos acordos adoptadas nesa data, entre as que se atopan os orzamentos do órgano comarcal. Os feitos denunciados tiveron lugar cando un operativo da Garda Civil e as policías locais dos tres concellos foran convocadas pola Mancomunidade para vixiar unha concentración das plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas para ese día diante da praza do Concello.

O texto resolutivo emitido polo Xulgado do Contencioso número 2 de Vigo deixa en evidencia a omisión do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde (PP), presidente do pleno, que advertido do que sucedía pola concelleira Ana María Rodríguez (BNG-Baiona) non tomou medidas e proseguiu a xuntanza. Tamén arremete contra a policía local de Nigrán que foi incapaz de recoñecer aos dous concelleiros do seu municipio a pesar que estes amosaron a convocatoria oficial e mais o seu DNI.
A sentenza, emitida o pasado 2 de decembro polo xuíz Antonio Martínez Quintanar, dá por estimado o recurso administrativo presentado pola concelleira María Dolores Araújo Duarte (PSOE-Nigrán), a quen lle fora denegado o acceso ao pleno xunto co concelleiro Xabier Rodríguez (BNG-Nigrán). Condena á Mancomunidade do Val Miñor a pagar os custes do xuízo e abre un prazo para que a mesma presente un recurso de apelación.