Luns, 17 Jun. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O mal funcionamento das depuradoras e o tratamento deficiente do lixo industrial comprometen o futuro da Ría de Vigo.

O mal funcionamento das depuradoras e o tratamento deficiente do lixo industrial comprometen o futuro da Ría de Vigo.

Correo-e Imprimir PDF
Plataforma-Ria-de--Vigo

A contaminación e degradación das augas e a biodiversidade da Ría de Vigo están relacionadas cun tratamento deficiente das augas residuais urbanas, así como pola existencia de diversas instalacións industriais asentadas na zona, afirmaron os membros da Plataforma pola defensa da Ría de Vigo durante a presentación dun informe de situación no Instituto de Estudos Miñoranos. A denuncia xa está presentada ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo que a finais de xuño presentará un informe con recomendacións que seguramente "rematará nun bo tirón de orellas" ás autoridades opinou o presidente do colectivo, Serxio Regueira.

Dita comisión tivo a oportunidade de percorrer distintos puntos do enclave xunto co colectivo ecoloxista no pasado mes de febreiro. O espectáculo dantesco das bocas de saídas das augas residuais cara ao mar non pasaron desapercibidas para os visitantes, que non saían do seu asombro ante as diferenzas do que falaban os informes remitidos pola Xunta de Galicia co que a presenza "en directo" amosaba do tratamento medioambiental que recibe a ría, informou Reigosa.

No coloquio desenvolvido na Aula de Cultura Ponte de Rosas, a economista María Xosé Vázquez Rodríguez (Dep. Economía Aplicada da U. de Vigo), compartiu os resultados dunha resenten investigación do seu departamento, que salienta outra deficiencia: a preeminencia dos intereses privados por riba dos públicos na confección das políticas ambientais que desenvolven as distintas administracións, reflectidos tamén á hora de lexislar. Nese punto, a investigadora afirmou que a pesar que as administracións encargan estudos de viabilidade e sostenibilidade de carácter económico e ambiental aos departamentos universitarios, os resultados das pescudas parecería que pasan desapercibidos á hora de elaborar as directrices reguladoras das xestións.