Domingo, 6 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Homenaxe na Volta dos Nove ás vítimas das execucións de outubro de 1936 en Baiona.

Homenaxe na Volta dos Nove ás vítimas das execucións de outubro de 1936 en Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
volta-dos-nove 150_180

Na madrugada do vindeiro 15 de outubro cumprirase o 76 cabodano do tráxico asasinato de nove veciños do Val Miñor na estrada Baiona - Camposancos, á altura do quilómetro 58 da Bombardeira (Baredo), hoxe coñecida como a "Volta dos Nove". Como tódolos anos, familiares dos asasinados e o Instituto de Estudos Miñoranos, desenvolverán unha homenaxe que terá lugar o día domingo 14 de outubro ás 13 horas.

 

Diante do monumento que lembra a súas memorias, obra do escultor Fernando Casás, se realizará unha ofrenda floral e dirixirá unhas palabras o historiador, Carlos Méixome, director do IEM.

O asasinato dos nove.

O asasinato dos nove traballadores foi descrito como un acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís, a tarde anterior das execucións, segundo o estudo dos historiadores Xosé Lois Vilar e Carlos Méixome, publicado na Revista Murguía (2003). Refojo formaba parte dunha partida que ingresou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos(Dolores Samuelle Álvarez, "Perfecta", que traballaba como doméstica) e os irmáns Luís e José López Luís, ("Os Ineses), fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte do camarada.

Segundo o relato dos investigadores miñoranos, primeiro chegaron á cadea de Vigo, alí non lle deixaron coller a ninguén, logo foron ao frontón da rúa María Bediales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona. As testemuñas discrepan na hora na que os levaron a Baiona. En todo caso na noite do 15 de outubro, sobre a unha da madrugada nove veciños do Val Miñor foron asasinados á altura do quilómetro 58 de estrada Pontevedra Camposancos

Os nove homes asasinados en Baredo

• Manuel Aballe Dominguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Dominguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou dous fillas menores: Eugenio e Víctor.

• Felicísimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Dominguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillas.

• Elias Alejandro Gonda Alonso "O Ghonda", labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.

• Manuel Francisco Lijó Pérez "O Lijó"de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixaría orfos a cinco filias menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.

• Modesto Fernández Rodríguez "O Rei Chiquito", 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, filio de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalia Rodríguez Iglesias deixaría seis fillas menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.

• Fidel Leyenda Rodríguez "Tío Félix", de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Miguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixaba fillos.

.José Rodríguez González, "O Pelonio". Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila en Baiona. Tiña 45 anos Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.

• Manuel Barbosa Durán, "O Ferreiro do Burgo". O máis novo dos asasinados, tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Bruña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixaría catro fillos orfos Oulia, Ma Carmen, Ma Encarnación e Manuel. Os seu s pais Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez .

. Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro e contaba, cando segaron a súa vida, 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante