Luns, 14 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura 75 anos despois os historiadores amosan unha nova mirada da represión franquista en Baiona.

75 anos despois os historiadores amosan unha nova mirada da represión franquista en Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
75-dias-despois

 

Os medos do Vaticano ante unha posible viraxe pro nazi do réxime de Franco. A inquedanza dos historiadores ante os atrancos que atopan á hora de solicitar acceso aos arquivos da ditadura. A reiteración de apelidos e familias ao longo da historia nas distintas estruturas de poder en Galicia. E as alianzas entre patróns e gobernos para reprimir as asociacións mariñeiras, son algúns dos temas abordados pola nova historiografía galega durante o ciclo 75 anos despois que se está a desenvolver na Capitanía Marítima de Baiona.

Investigadores da talla dos historiadores José Ramón Rodríguez Lago, Federico Cocho, Dionisio Pereira e Gonzalo Amoedo, foron os encargados de presentar  nas primeiras dúas conferencias, os seus derradeiros traballos de investigación. Os faladoiros -cara ao público asistente- van tecendo a complexa urdimbre que afasta de simplismos e falsas oposicións, as vicisitudes da historia recente, para demostrar que aínda queda moito por saber, e moito máis por "desaprender", do que pasou e do que se dixo nestes últimos 75 anos sobre a historia da bisbarra, de Galicia e de España.

A modo de exemplo, o libro Cruzados o herejes. La religión, la Iglesia y los católicos en la Galicia de la Guerra Civil (2010) de José Ramón Rodríguez Lago (Doutor en Historia Contemporánea. Profesor Asociado da U. Vigo), baseado en boa parte nunha pescuda feita polo autor nos arquivos e fondos documentais do Vaticano, permite unha mirada con moitos máis matices do que foi a actitude de distintos estratos de Igrexa Católica ao longo do proceso posterior ao golpe de Estado de 1936. Segundo Rodríguez Lago, o Vaticano mantivo certo receo dunha posible" xermanización" do franquismo, ante os abraiados relatos que moitos dos grupos como a Falanxe estaban a facer do nazismo. Un proceso que temían,  levara a esta institución relixiosa a quedar afastada e aínda tamén represaliada como sucedeu na Alemaña do III Reich.  Ou as difícil  situación pola que atravesaron milleiros de católicos (sacerdotes e sobre todo laicos) que tiveran activa participación en partidos e institucións republicanas.

A novidade e profundidade dos temas abordados, permitiron un fluído intercambio co público ao final de cada presentación. O ciclo continuará este xoves 1 de decembro coa participación de Domingo Rodríguez Tejeiro , Doutor en Historia e profesor de Historia Contemporánea na U. Vigo  quen presentará o seu libro Presos e prisións na Galicia de guerra e de posguerra. 1936-1945 (2010). O encontro será ás 20:30 horas tamén na Capitanía Marítima de Baiona.

O ciclo 75 anos despois está organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Comisión Volta dos Nove, no marco dos actos e homenaxes polo 75 cabodano dos asasinatos dos nove veciños do Val Miñor na curva de Baredo en 1936. A última conferencia terá lugar o vindeiro 3 de decembro, sábado ás 18h a cargo de Carlos Méixome Quinteiro (Instituto de Estudos Miñoranos) que terá por título: "Baiona, 1936". Nesa xornada tamén terá lugar a partir das 19:30 horas unha homenaxe poético-músical aos Nove de Baredo, unha  exposición de pintura e fotografía xunto coa mostra "Atopados", baseada nos traballos de exhumación de cinco veciños do Val Miñor nas fosas do cemiterio de San Xián (O Rosal).

Dim lights Embed Embed this video on your site

 

Dim lights Embed Embed this video on your site

 

Dim lights Embed Embed this video on your site