Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Os afectados polo carrilbici Vigo – A Guarda desenvolverán este domingo a segunda marcha de protesta.

Os afectados polo carrilbici Vigo – A Guarda desenvolverán este domingo a segunda marcha de protesta.

Correo-e Imprimir PDF
foto-marcha-carril-bici

O colectivo de afectados polo carrilbici Vigo-A Guarda partirá mañá dende Navia cara a A Guarda no que será a segunda marcha ciclista coa que desexan chamar a atención das autoridades municipais e autonómica dos perigos que agocha o actual trazado para peóns e ciclistas. O punto de encontro está establecido ás 10:15 horas no aparcadoiro do supermercado FROIZ do Pau de Navia, e terá un percorrido próximo de 50 quilómetros até o Parque Rosalía de Castro d'A Guarda.

 

Como xa acontecera na primeira marcha, o percorrido se fará a modo co xeito de permitir a participación de todos os interesados en sumarse á reivindicación. Os convocantes animan a concorrer con pitos "para facerse ouvir" ao longo do traxecto.

Os convocantes á marcha esixen entre outras reclamacións, a eliminación inmediata dos reflactantes situados como divisoria dos carrís para o tráfico automotor e as bicicletas, debido ao risco que supoñen. Tamén se solicita ás autoridades o mantemento, limpeza e conservación do carril, a eliminación dos obstáculos do trazado (colectores de lixo, postes, pedras, etc), a sinalización vertical durante o percorrido, o control de aparcamentos, e modificacións na circulación dalgúns tramos específicos.

A marcha é aberta a todo público e todas as persoas que dispoñan dunha bicicleta poden participar.