Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Sanidade afirma que a asistencia aos máis desprotexidos está asegurada.

Sanidade afirma que a asistencia aos máis desprotexidos está asegurada.

Correo-e Imprimir PDF
{plusone}

Sanidade defende a súa política de asistencia pública e asegura que a mesma "é garantista para os cidadáns que vivan na comunidade, de xeito que as persoas sen recursos económicos suficientes teñan aseguradas en todo momento as prestacións sanitarias." Ante as acusacións vertidas onte pola CIG, que aseguraban unha limitación na cobertura de saúde para as persoas dadas de baixa pola Seguridade Social, Sanidade emitiu un comunicado público onde afirma que pola contraria, a nova política sanitaria autonómica facilita que estas persoas o seu dereito "de forma continuada á asistencia sanitaria pública sen ter que estar tramitando o recoñecemento cada vez que comezan a traballar."

Dende Sanidade aseguran que se creou o Código 29 para os cidadáns que residen na Comunidade Autónoma, "de xeito que se cubre o dereito á asistencia sanitaria en Galicia, tanto se traballan como se non nese momento. No resto do Estado español a atención non está garantida se constan sen dereito á asistencia sanitaria na base de datos da Seguridade Social."

Deste xeito, afirman que a Administración sanitaria de Galicia converteuse "na primeira en adaptar os seus trámites á situación socioeconómica actual, xa que a crise e o aumento do número de desempregados ten conducido a que moitos traballadores, con entradas intermitentes no mercado laboral, teñan que estar tramitando constantemente o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria, ben como traballador, polo tempo que durara o traballo e o subsidio, ben como persoa sen recursos ou como beneficiario, ante o Instituto Nacional de Seguridade Social e, despois, ante as unidades provinciais de tarxeta sanitaria da Consellería de Sanidade e o SERGAS."

Neste sentido, as dúas vías contempladas na Seguridade Social para o recoñecemento do dereito ás prestacións sanitarias para estes casos -e que dan dereito á asistencia sanitaria en todo o Estado español- son a de poñerse como beneficiario dun titular da Seguridade Social, co que conviva e do que dependa economicamente, ou solicitalo como persoa sen recursos económicos suficientes.

Segundo datos desta administración, preto de 1.000 persoas solicitaron xa acollerse ao Código 29 regulado pola Orde do 5 de setembro de 2011 da Consellería de Sanidade, pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego.