Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta bloquea a tarxeta sanitaria dunha muller tras esgotar o seu subsidio de desemprego.

A Xunta bloquea a tarxeta sanitaria dunha muller tras esgotar o seu subsidio de desemprego.

Correo-e Imprimir PDF
tarxeta-sanitaria
{plusone}Mercedes Amaral acudiu, como noutras ocasións, a pedir cita co seu médico de cabeceira. Para a súa sorpresa, no centro de saúde informáronlle que non tiña dereito á consulta porque a súa tarxeta sanitaria fora desactiva e figuraba de baixa na Seguridade Social. A maiores, Mercedes Amaral está recibindo tratamento por depresión e estrés. Un tratamento ao que agora non pode acceder porque ten denegada a asistencia farmacéutica gratuíta. Para poder mercar as súas medicinas, Mercedes tivo que solicitar a axuda dunha ONG.

O feito foi denunciado esta tarde polo sindicato CIG, quen que achegou a testemuña da usuaria, que se atopa en situación de desemprego de longa duración e carece de ningún tipo de prestación económica. A central sinalou que dende o pasado mes de setembro a Xunta bloquea a tarxeta sanitaria dunha persoa en paro que leve un ano inactiva, sen ningún aviso. Os cidadáns decátanse de que non teñen servizo sanitario cando chegan ao médico. A partir dese momento comunícaselles que teñen que realizar trámites para volver ter o cartón que poden durar máis de medio ano. Durante ese tempo, non serán atendidos polo médico de cabeceira e teñen que pagar os seus medicamentos, segundo a denuncia do sindicato nacionalista.

Esta situación vén xerada pola Orde da Consellaría de Sanidade, publicada no DOG do 9 de setembro, que, xunto co protocolo de traballo remitido aos centros de saúde e hospitais, “regula” o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes (PSR) e as persoas desempregadas (o chamado código 29). Segundo este protocolo, as persoas sen recursos que solicitan a tarxeta quedan sen dereito a ter médico asignado, a poder ser citados e a ter prestación farmacéutica. Só se lles recoñece dereito á asistencia de urxencia e emerxencia. Neste caso daráselle unha alta rápida como “privado” e obrígaselle a asinar un compromiso de pago da asistencia realizada.

O caso de Mercedes chegou á CIG a través de Mertxe Carrión, delegada da central sindical en Cáritas, e á que Mercedes Amaral se dirixiu para exporlle a súa grave situación. Porén non é o único caso, xa que en Galiza, nestes momentos existen 65.000 familias sen recursos que dende o pasado 10 de setembro poderían ter quedado sen dereito á sanidade pública.