Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Os docentes da bisbarra do Val Miñor convocan mobilizacións a prol da defensa do Ensino Público.

Os docentes da bisbarra do Val Miñor convocan mobilizacións a prol da defensa do Ensino Público.

Correo-e Imprimir PDF
Cartaz da convocatoria á mobilización dos profesores do CEIP Humberto Juanes de Nigrán.

A partir do vindeiro martes 11 de outubro comezan unha serie de mobilizacións por parte do colectivo docente da bisbarra a prol de informar e sensibilizar sobre a afectación dos recortes da Xunta de Galicia sobre a situación do ensino na comarca. Colocación de pancartas con lemas en defensa do ensino público nos centros, concetracións con pais e nais o martes 11 de outubro e a preparación dunha concentración masiva de tódolos docentes do Val Miñor para o día 18 de outubro ás 20 horas, é parte do programa de actividades a desenvolver. A inciativa tamén contempla convocar ás ANPAS para explicar o conflito e promover plataformas conxuntas de defensa deste servizo público.

Segundo o anunciado no manifesto da convocatoria, os docentes entenden que cómpre “facer un chamamento á reflexión colectiva sobre as iniciativas que están a xurdir nalgúns Claustros e Consellos Escolares como resposta aos recortes anunciados pola Administración (Xunta de Galicia) a finais do curso pasado”. O obxectivo destas xuntanzas será “conseguir o apoio de toda a sociedade na defensa do ensino público”, sinalan. En principio a convocatoria, que conta co apoi de tódolos sindicatos do ensino, non mencionan a suspensión de clases os días de mobilización.

Segundo informan os profesores agrupados “vemos con preocupación como algunhas das iniciativas das que temos constancia camiñan na dirección contraria ”. Nese senso argumentan que “Exemplo disto son iniciativas como a supresión de actividades extraescolares e complementarias, o que supón un claro prexuizo para o alumnado, ningún custe para a Administración, e un afastamento das familias e do resto da sociedade.” O colectivo considera que a a realización de actividades extraescolares e complementarias son unha clara posta en valor do labor educativo, polo que deben pular por visibilizalas ante as familias e o alumnado, no canto de finiquitalas. No devandito escrito, agregan que preocupa “especialmente o deterioro educativo e pedagóxico que supón a súa eliminación, o discriminatoria que resulta para o alumnado con menos recursos socioculturais e que dependen, polo tanto, destas actividades para coñecer o mundo dun xeito máis amplo do que pode ofrecer un libro de texto no mellor dos casos, ou a pantalla de televisión nos outros. Preocúpanos tamén o afastamento e enfrontamento do profesorado coas familias e o alumnado, que previsiblemente errarán tamén en quen facer blanco do seu malestar.”

Para evitar esta situación, os convocantes convidan “a todo o profesorado para que continúe a facer este labor e aproveite, en cada ocasión,para dar a coñecer ás familias e ao alumnado os motivos didácticos e pedagógicos polo que se realizan, así como o feito de que supoñen unha parte do noso traballo que non se corresponde coa docencia directa nas aulas. Dar a coñecer, en cada centro, os recortes aplicados e as consecuencias na organización escolar, son tamén unha medida para contrarrestar a distancia que os datos globais producen, así como as mentiras da Consellaría; organizar xornadas de portas abertas é unha iniciativa que facilita a cooperación entre profesorado e familias….”