Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Salvemos Monteferro e Galiza Non Se Vende tramitan unha queixa ante o Valedor pola Lei de Montes

Salvemos Monteferro e Galiza Non Se Vende tramitan unha queixa ante o Valedor pola Lei de Montes

Correo-e Imprimir PDF
salvemos-monteferro

- A rede de colectivos Galicia Non Se Vende (GNSV), da que participa a organización ecoloxista miñorana Salvemos Monteferro tramita unha queixa ante o Valedor do Pobo alertando dunha posible manipulación da opinión pública por parte da Consellería de Medio Rural e a Xunta de Galicia.

- Segundo GNSV, Medio Rural prometeu que o borrador da Lei de Montes sería traballado coa participación activa das forzas sociais, pero en realidade o que fixo é pasar xa á etapa de exposición pública para alegacións, previa á aprobación do documento.

Segundo GNSV, o 17 de xuño pasado cando a Consellería de Medio Rural publicou o anuncio polo que se acordaba someter a información pública o borrador do anteproxecto da lei de montes de Galicia (aprobado o 9 deste mes) de conformidade co artigo 16.1 da lei 27/2006, a Consellería "tentou confundir á poboación no que é o proceso de exposición pública e o de participación pública". Segundo a organización denunciante, no anuncio da publicación do devandito borrador di literalmente que “se da apertura ao proceso de participación pública en base á lei 27/2006”, cando o que se está abrindo é o proceso de exposición pública.

A Rede sostén nun comunicado relativo ao documento entregado ao Valedor que "O proceso de exposición pública dun documento para presentar ao mesmo alegacións, é posterior ao verdadeiro proceso de participación pública activa e real. Ademais, o prazo que da a Consellería para formular alegacións é de 20 días que tendo en conta a extensión deste borrador, non parece que se busque facilitar a participación." Polo cal dificilmente" poderanse facer observacións previas cando se ven de recibir xa o borrador da lei" agregan.

A Rede Galiza Non Se Vende denuncia que na elaboración do borrador da Lei de Montes de Galicia non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos , "aspecto fundamental na política forestal e medioambiental da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia." O colectivo manexa tramitar os escritos pertinentes para pór en coñecementos doutras administracións, como as europeas, "cales son o tipo de procesos participativos que promove o goberno autonómico galego".